Protestas
Opinión
24 Nov 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Continúan as manifestacións cos seus misterios. Somos capaces de mandar satélites ao espazo, pero o de contar persoas... é unha das misións máis complicadas do universo. Resulta imposible saber canta xente asiste a unha manifestación. Nin drons nin imaxes aéreas, nin logaritmos ou funcións estatísticas que se dediquen a estes cálculos. Por fin, dúas forzas políticas opostas se poñen de acordo en algo: non se pode contar.
Preguntadas as fontes, din que 600.000 uns, 170.000 os outros. Algo así como a cuarta parte. Pouca cousa! Pero o máis curioso xa non é este clásico, senón que, con imaxes moi semellantes ás de hoxe, os que agora falan de 170.000 persoas, cando os manifestantes eran do seu signo político sumaban 250.000. Arrea! Como bailan os números! Con todo, tanto ten. A manifestación está de moda e todos chaman aos seus a saír á rúa. Total, ninguén vai saber canta xente vai... o caso é montar barullo.
E seguimos así. Escoitando só o que cadaquén quere escoitar, ou sexa: nada. Oxalá máis xente intentando entender ao contrario, comezando polos que teñen cargo político. Se eles deran exemplo chegando acordos cos de enfronte, os demais igual copiaban. Pero é máis cómodo enrocarse na idea propia e cuspir contra o adversario. Así nos vai. E isto, por riba, nin sequera ten cor política, o «son todos iguais».
Se non se entenden, non llo imos solucionar nós cun par de consignas. E ollo! Coidado con insultarse ou facer xestos obscenos ou ofensivos. Tampouco nos representa.