O sentido do traballo
Opinión
27 Nov 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Elon Musk anuncia que nun futuro non tan afastado haberá unha xubilación eterna e só traballará quen queira porque todo o traballo o poderá facer a intelixencia artificial. Recoñezo o meu amor pola cultura do lecer, pero, aínda que eu xa non vivirei ese mundo, gusto de imaxinar como será unha sociedade exclusivamente ociosa, que despreza a cultura do traballo e o esforzo físico coma forma de explotación e xeración de riqueza, entre moitas outras cousas.
Para quen tivemos familias que pelexaron coa terra na procura de sobrevivir e progresar, fáisenos difícil aceptar eses agoiros, de primeiras, con tanto engado. Quero pensar que nese mundo idílico a ficción terá unha importancia fundamental, pero xa non sei se será creada por persoas ou máquinas. Non me resulta doado sospeitar que opinión terá esa xente do futuro cando vexa a obra descomunal, por exemplo, de Tolstói, que foi quen de escribir milleiros e milleiros de páxinas de calidade dun xeito case fabril, e mesmo gastou o derradeiro alento debuxando as letras cun dedo sobre as sabas dun leito nunha fría estación de tren.
Esa imaxe teimuda e tan poética do escritor ruso escribindo no delirio lévame ás tristes noites no hospital cando o meu pai xa estaba nas últimas e só tiña a axuda da morfina para amortecer as dores. Lembro que nesas horas alucinadas da madrugada, déralle por traballar de fontaneiro e non quedou outra que non pegar ollo nesas noites, porque unha e outra vez el acenaba no aire pedíndome ferramentas que eu intentaba pasarlle tocándolle as mans para que non arrincase as vías. Esas horas de insomnio tan dolorosas foron un xeito de resistencia contra a realidade para meu pai, e unha aprendizaxe para min, porque souben que o traballo tamén adoita dar un sentido á vida.