La Voz de Galicia

As mudanzas no dicionario e o desacougo humano

Opinión

María López Sández
Real Academia Galega, en la calle Tabernas de A Coruña

16 Dec 2023. Actualizado a las 23:02 h.

As linguas, aínda que a meirande parte de nós non sexamos conscientes, son entes vivos e mutantes e, por esta razón, cada certo tempo, os dicionarios vense obrigados a incorporar novos termos. Ás veces, estes neoloxismos, como ocorre arestora con sexting, VAR ou alien, acaban converténdose en noticia e xerando debate e polémica. O que habitualmente fica dentro do eido de actuación dos filólogos, sae á luz pública e provoca reaccións viscerais e encontradas, como se, no canto de falarmos de simples trocos lingüísticos, falásemos de mudanzas sociais e políticas e estivese en xogo a oposición entre unha cosmovisión conservadora e outra progresista.

Que a lingua está en constante cambio é unha evidencia tan clara como o é a constante mutación da sociedade e, en ambos os dous terreos, temos a tendencia a erguermos diques que conteñan o noso desacougo. No ámbito idiomático, a norma tende, por principio, a ser conservadora. De feito, as regras escritas adoitan diferir do estado evolutivo da lingua falada porque conservan, a xeito de palimpsesto, trazos e usos propios doutra época.

O certo é que sentimos o idioma como algo case sagrado. Mesmo quen é progresista no social adopta a miúdo, pola contra, posicións conservadoras no lingüístico. Só así se explica a resistencia á linguaxe inclusiva ou que a nosa ortografía siga a ser etimolóxica, radicalmente afastada da realidade fonemática do galego (ou do castelán ou calquera outra lingua). A RAE pode aceptar máis de catro mil novos termos, algúns con clara fasquía de seren préstamos innecesarios, mais do outro non se fala.

Non quero imaxinar como sería hoxe a escrita en castelán se Afonso X o Sabio non tivese afrontado, no século XIII, unha tarefa de regularización e simplificación dos puntos dun sistema que, por ser de creación romance, daban lugar a unha enorme diversidade de opcións: nomeadamente, a plasmación das consoantes palatais, inexistentes en latín e para as que, consecuentemente, houbo que habilitar novos procedementos. O sistema gráfico alfonsí foi unha reforma no seu momento que adaptou as grafías para facelas máis lóxicas, sistemáticas e sinxelas e axustadas á realidade lingüística do século XIII. Bastante máis discutible foi a reforma levada a cabo despois, no XVIII.

Hai un magnífico vídeo de dous profesores belgas titulado La faute de l’orthographe, no que se fai un xogo de palabras entre o que podería ser a «falta» e a «culpa» da ortografía. Lucidamente, revisan o innecesario e desaxustado que é o sistema ortográfico actual do francés á realidade fonético-fonolóxica deste idioma. Salvando distancias, sería aplicable a galego ou castelán. Introducirmos novos termos é como facermos acopio de tixolos con fasquía de modernidade, mais deixando sen tocar a argamasa do idioma: a gramática, a ortografía. Acontece como no mundo da igrexa: hai cambios; pero a muller segue fóra do sacerdocio. O pánico que nos dan certas cousas fai que troquemos algo para que nada mude. Aínda que para o español o atrevemento fronte ao sagrado tívoo un mago da linguaxe, Gabriel García Márquez, deses que saben que a súa beleza e a súa potencia non dependen da ortografía.


Comentar