Fútbol e vergoña
Opinión
15 Jan 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Un ano máis, escolleuse Arabia Saudita para celebrar a final da Supercopa de fútbol masculino. Un ano máis, o fútbol español demostrou a súa desvergonza, que farían calquera cousa por diñeiro, e que non lles interesan os dereitos humanos. Levamos décadas dicindo que a xente, en especial a mocidade, ten os futbolistas como referentes, pois, a verdade, que referentes máis miserables, cando menos as empresas futbolísticas, visto que foron alí lexitimar un réxime ditatorial que non respecta, máis ben todo o contrario, os dereitos humanos que todos deberiamos respectar. Por min xa poden logo facer todas as campañas que lles pete sobre «xogo limpo» ou a prol da igualdade, que non mas creo.
Foron xogar a Arabia Saudita, un dos poucos países do mundo onde aínda existe unha monarquía absoluta. Hai unha familia real que fai, desfai, organiza o mundo como lle peta. E como é que lles peta? Pois tendo a lei islámica como a base da «Constitución». Isto quere dicir que os nosos futbolistas foron xogar a un país, branqueándoo de paso, onde as mulleres, por exemplo, non poden saír soas á rúa, non poden conducir, non poden ter os seus propios cartos e onde, por suposto, calquera decisión que teña que ver coa súa vida ten que aceptala un varón da súa familia. Estamos falando de que os nosos futbolistas foron lexitimar como normal un país onde as persoas LGTBI, e no fútbol hainas (por unha mera lóxica estatística) se condenan a morte. Sen paliativo. Aforcados. Punto pelota. Foron xogar, en definitiva, a un dos poucos países onde é «legal» a pena de morte a menores de idade. De feito, é un dos países onde se executa legalmente a menores de idade.
Aí foi o fútbol español a facer negocio. O mesmo fútbol que, moi loxicamente, se puxo en pé para protestar polo comportamento noxento de Luis Rubiales dándolle un bico non consentido a unha futbolista. Ese mesmo fútbol fica calado diante desta operación que só se xustifica porque deixa moito diñeiro. Lembro algún futbolista, cando o de Rubiales, dicindo que non iría á selección mentres non se aclarase o asunto. Ben por el. Pero, nestoutro tipo de asuntos, non teñen nada que dicir? Ou é que consideran que o asunto non vai con eles?
Dicía Jean-Paul Sartre que un non pode ser feliz se sabe que hai inxustizas no mundo. Os nosos futbolistas de elite seica non o saben. Non espero que lean a Sartre, pero si que tivesen un mínimo de ética e de humanidade. Sería tan doado como que dixesen: "Non iremos xogar a países onde non se respecten os valores do deporte". E todo o que hai en Arabia Saudita está moi lonxe dos valores que, supostamente, defenden os clubs de fútbol. Tamén eses catro.