La Voz de Galicia

Puigdemont, de traidor a heroe e viceversa

Opinión

Siro

20 Jan 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Cando aquel 29 de outubro do 2017 soubemos que Puigdemont fuxira a Bruxelas no maleteiro dun coche, os medios de comunicación e as redes sociais enchéronse de chistes e de burlas. Non era para menos. Imaxinar a quen horas antes era el molt honorable president de Catalunya nun maleteiro, como un saco de patacas, daba risa e converteuse nun personaxe ridículo. Entre os comentaristas políticos houbo un certame tácito para ver quen o alcumaba mellor e eu caricaturiceino varias veces como pallaso de circo, porque me parecía Fofó cuspidiño e víao na pista central do Parlamento Europeo inquirindo a berros, con acento catalán: «¿Cómo están ustedeees?». En fin, que despois de seguir durante seis anos a creadores de opinión máis informados e sisudos ca min, estaba certo de que os cataláns non queren a Puigdemont e avergóñanse de telo seguido no procés como a un frautista que desafinou no tiroliro. Pero non é así, e o Centre de Estudis d'Opinió de Catalunya revelou a semana pasada que Carles Puigdemont é o líder político máis valorado na comunidade. Home, os cataláns algo raros son, que tamén valoraron e aclamaron a Fernando VII e pediron a volta do absolutismo e da Inquisición; e anoxaron a Julio Camba por facer humor a conta do acento catalán e sobre todo do nacionalismo catalán: «Una nación se hace lo mismo que cualquier otra cosa. Es cuestión de 15 años y de un millón de pesetas. Con un millón de pesetas yo me comprometo a hacer rápidamente una nación en el mismo Getafe, a dos pasos de Madrid». E explicou como con moita graza.

 

Aínda así, imponse unha revisión das mofas e dos menosprezos a Puigdemont, e eu xa empezo a ver a fuga no maleteiro como algo heroico; e un auténtico líder no home que ve a independencia de Catalunya factible e xusta, e no político que se declara «falible, pero insobornable». Pero tarde piei, porque Clara Ponsatí, a eurodeputada de Junts e exconselleira do Govern que promoveu a declaración de independencia en 2017, prófuga coma el, acúsao de traidor: «Que o primeiro president que non quería saber nada de España pacte co líder do PSOE é un menosprezo á xente que o creu e protexeu». E, contra a percepción que a dereita ten do pacto pola amnistía, engade: «O Goberno do PSOE tenta escenificar a rendición do independentismo».

Eu penso que Puigdemont necesitaba o pacto con Pedro Sánchez tanto como Pedro Sánchez necesitaba o pacto con Puigdemont, que cacarexaba moi chulo, pero non poñía ovos. A Ponsatí si, ponos, porque sabe que hai algo máis perigoso que a calumnia: a verdade. E de momento a verdade vai con ela.


Comentar