Pisar a cidade descoñecida
Opinión
26 Feb 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Recordo cando, de mozos, viaxabamos ás cidades acumulando toda a información posible, dedicando dúas xornadas íntegras a visitar un gran museo, deixándonos inflamar por guías fantasiosas e chegando extenuados ao hotel -hoxe sería un Airbnb-, logo de gastar varios rolos de película fotografando monumentos e rúas para, unha vez revelados, montar con esas imaxes xuntanzas cos amigos.
Máis tarde, viaxar implicaba converter a información en análise e coñecemento para seleccionar os obxectivos sen atordarse, volver gozar con vagar do xa coñecido, combinando as longas xornadas con experiencias de cultura e contemplación do ritmo da vida urbana.
Agora, a viaxe consiste en andar deixándonos levar polos nosos pasos, asistidos pola xeografía do curso do sol, do mar, dun río ou dunha montaña. Este novo ritmo invita á reflexión, a relacionar todo o que atopamos ao paso, a pisar aquelas partes descoñecidas das cidades, introducíndonos polas fendas e percorrendo os bordes cando a urbe deixa de selo e se disgrega cara á metrópole e aos campos que a rodean porque, ao final, son todas partes do mesmo.
Deixámonos sorprender polo descoñecido, desfrutamos interpretando o que miramos, espreguizamos a memoria coas endorfinas do paso lixeiro, sen privarnos de botar man ao peto para consultar a Wikipedia cando se necesita un punto de erudición ou o GPS se nos desorientamos. En todo caso, camiñar coa mente propicia para enfrontarse ao inopinado, compartíndoo con quen te acompaña e mesmo parando para tomar notas se pensas rexistrar a viaxe por escrito.
Á volta de calquera recanto, unha porta envellecida chama a atención insinuando un sendeiro sen saída, esa casa deshabitada na que outrora moraron afectos e disputas, se cadra unha horta abandonada. Aquí vivían os que traballaban na urbe e foron marchando cara ás áreas limítrofes, porque eran incapaces de soportar o xogo das plusvalías. Un día, cando volvan por alí, comprobarán o paulatino baleirado de persoas, leiras e vivendas modestas, onde non queda nada do latexo daquelas vidas.
A ollada crítica cara ao pasado é enriquecedora, porque non trata de axustar contas nin de cancelar nada, senón de recoñecer que alí afunde as súas raíces unha realidade que temos que compartir coas persoas que non opinan coma nós. Entre tanta polarización, será posible nutrir de pensamento e afecto unha sociedade que se comunica excesivamente polas redes, relegando o intercambio directo de pareceres?