La Voz de Galicia

Crebar as liras!

Opinión

Víctor F. Freixanes

24 Mar 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 21 celebrouse o Día Internacional da Poesía, e os xornais non nos deixan respirar: «Se eu fixen tal mundo, que o demo me leve!», escribía Curros Enríquez en 1880 (Aires da miña terra). Deus, xa velliño, sae a pasear para contemplar a súa creación e regresa arrepiado. O poema titúlase Mirando ó chau. Foi un dos que non gustou ao bispo Cesáreo de Ourense, quen promoveu a excomuñón e denuncia contra o poeta diante do gobernador civil, Víctor Novoa Limeses, solicitando o secuestro do libro. Tampouco lle gustou A igrexa fría, cando dicía aquilo de «hidrópico e negro (…) o lombo deforme do vello mosteiro». O xuíz Manuel Mella Montenegro condenouno a dous anos, catro meses e un día de prisión, cunha multa de duascentas cincuenta pesetas, por un delito contra o «libre exercicio dos cultos». O xuízo acadou grande sona no seu momento. Aínda que o poeta presentou recurso contra a sentenza perante a Audiencia Territorial da Coruña e, en marzo de 1881, logrou que o alto tribunal o absolvese, logo dunha brillante defensa do avogado coruñés Luciano Puga Blanco.

 

No mesmo libro publica Curros un poema titulado Crebar as liras!, no que, dados os tempos que tocaba vivir, diante de tanto escarnio e tanta inxustiza, a «virxe Poesía» clama desalentada: «Vates, crebade as liras!». Cincuenta e nove anos despois, en pleno ascenso do nazismo en Alemania, Bertholt Brecht escribe Malos tempos para a lírica (1939), que xa nos nosos días daría título (e inspiración) ao tema de Germán Coppini para Golpes bajos.

E certamente son malos tempos para a lírica, mesmo para calquera desafogo da imaxinación que signifique virar os ollos cara a outro lado. Incluso para escribir un artigo coma este. Que cantaría hoxe a lira de Curros? A novela, o poema, a creación literaria, o asunto principal do artigo está outra vez nos xornais, nos informativos da radio e a televisión, na catástrofe de cada día, que chega a nós a través dos medios e, irremediablemente, nos interpela: Gaza, Ucraína, a traxedia das pateras, os muros de aramio na fronteira de México, a fame nos campos de refuxiados, África… E a impotencia dos que vivimos deste lado, no mundo dos privilexiados, que nacemos aquí como puidemos nacer en calquera daqueles sitios: nos infernos do Chad, Etiopía, Somalia, a república do Congo… E Siria, Afganistán, Yemen, Irak… Por non falar das desigualdades cada vez maiores dentro da casa, ou problemas de gravidade extrema que nin acabamos de considerar, como o cambio climático e as súas consecuencias.

Tal parece que o mundo está a piques de saltar en mil anacos e nós perdémonos en retóricas cativas, pelexando por mexericadas de nenos ricos, incapaces de ver máis alá. Quen vai quedar para botar unhas cantigas? Como lles deixamos a casa (a universal e a local) aos que veñen detrás?


Comentar