O hemiciclo da nosa autonomía
Opinión
22 Apr 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Fun convidado, como exdeputado, á sesión de apertura da XII Lexislatura do Parlamento de Galicia. Encontreime a gusto saudando e abrazando amigos e escoitando o discurso ponderado do presidente.
Na miña traxectoria política, hai xa ben anos, teño escoitado ás veces improperios que, á fin da sesión, se resolvían cordialmente arredor dun café. Naquela altura o parlamentarismo era ben argumentado, había unha ansia compartida en torno á idea de vencer a ditadura, practicar a democracia e implantar a autonomía.
Agora estamos a vivir unha «nova realidade» mundial que xorde cada día con tal forza que é difícil asimilala. Ante esas trombas de imaxes insufribles que poñen a proba a nosa capacidade, as certezas convértense en banalidades e o antagonismo entre o ben e o mal, que ten producido verdadeiras correntes de pensamento, redúcese a un pulso entre bos e malos, que é cousa distinta.
A pesar desta «nova realidade», cómpre recoñecer que nas democracias plenas hai máis xustiza social que hai cincuenta anos. Sen o empeño na loita feminista, sen o recoñecemento da diversidade e da dignidade das persoas con discapacidade —ata hai ben pouco «diminuídos» por consenso—, os colectivos máis desfavorecidos seguirían penando na cela dos inmisericordes.
Esta sociedade hipercomunicada é unha grande inventora de palabras e acrónimos, asimiladora de anglicismos e vocábulos creados para intentar definir e clasificar unha diversidade irredutible, un repertorio, inicialmente progresista, que é absorbido de inmediato polo astuto mercado. Namentres, na vida pública algúns parlamentarios usan as palabras como látegos para apostrofar o contrario. Son expresións máis ignorantes ca insultantes, porque o mal orador recorre a elas para ganar tempo e disimular a falta de argumentos, o seu esgotamento dialéctico. O problema é que esta práctica espuria termina trasladando ao espazo público maneiras e hábitos que se contaxian entre a cidadanía. O que se repite non é a historia, senón a inhumanidade que xorde do rencor.
Penso que a ideoloxía hai que «domesticala» dalgún xeito, igual que o facemos no ámbito familiar ou de amizade para poder dialogar e aproximarnos. Comunicarnos con palabras meditadas poñéndonos de acordo nun vocabulario compartido, escoitar e ser escoitados, calar antes de ferir.
O hemiciclo da nosa autonomía conta cunha traxectoria de corenta anos de boas prácticas parlamentarias. As forzas políticas saben que é o lugar idóneo para fortalecer Galicia.