La Voz de Galicia

Que é estar namorado?

Opinión

Inma López Silva
Pedro Sánchez y Begoña Gómez en el Vaticano en octubre del 2020

05 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Que pouco afeitas estamos a recoñecer que os políticos, moito máis cás políticas, son persoas. Por algunha estraña razón vencellada co exceso masculino na política, estamos dispostas a aceptar que debemos votar coas emocións, pero non asumimos que un presidente ame tanto como para facer o que, en realidade, calquera faría por amor. Porque as renuncias, cesións e sacrificios que estamos dispostas a facer cando amamos (a parella, as crianzas, as amizades) pouco teñen que ver co que ditamina o amor romántico para ternos atadas á pata da cama, senón co moito que o amor provoca de respecto e empatía cos demais: poucas cousas pagan a pena —esa foi a expresión que empregou Pedro Sánchez— fronte a unha filla enferma, un pai que nos pide axuda, unha amiga en apuros ou un marido que esmorece. O que pasa é que estamos demasiado afeitas a identificar o amor con estupideces made in Hollywood, e así, claro, todo rolda a parvada adolescente á que tanto apelou Feijoo, quen, en fin, e permítanme dicilo, non entendeu nada. Ou fai que non entende, porque supoño que, coma todos, Feijoo tamén ama.

A carta de Pedro Sánchez á cidadanía, ademais dun interesante compendio teórico arredor dos límites da democracia, é unha reivindicación da humanidade na política, e por iso conmoveu a tanta xente, xente que é xustamente iso, humana; persoas correntes que tamén teñen esposas e maridos con ansiedade, fillos díscolos, pais que malmeten, cuñados manipuladores e nais que non deixan de pedir contas. Persoas que, ata esa carta, só levemente lembraban que o presidente non era un holograma ou un guaperas de papel cuché. Eses eran os límites dos que falaba a carta: a humanidade da que tan falta estivo sempre a política, e ultimamente, tamén, a vida normal.


Comentar