La Voz de Galicia

Franquismo non é o mesmo que antifranquismo

Opinión

Lourenzo Fernández Prieto

07 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Foi noticia que a ONU, a través dos relatores especializados en «memoria, xustiza, verdade, reparación e reconciliación», chamou a atención a España por leis que se están elaborando en Aragón, Castela e Valencia. A noticia vén sendo que algúns non entenden que quere dicir a ONU, que outros, no seu ignorante sectarismo, din que Nacións Unidas fala de parte de Pedro Sánchez. Os promotores destas iniciativas lexislativas que van camiño de converterse en lei, os neofalanxistas que pactaron estas medidas para apoiar eses tres gobernos e formar parte deles, simplemente calan. Non necesitan abrir a boca para argallar unha disputa entre os demócratas baseada na confusión sobre o pasado de ditadura e o seu significado político. Son os presidentes autonómicos do PP os que se ven obrigados a falar, defender ou matizar opinións, en relación cun pasado que prefiren ignorar a forza de non mirar para el, de obvialo, non atendelo, nin entendelo. A falta de Historia.

Ser franquista non é o mesmo que ser antifranquista, porque a democracia non é o mesmo que a ditadura. Esa é a confusión que a extrema dereita quere xerar. O que estamos vendo é que os neofalanxistas atopan un terreo fertilizado na dereita democrática, porque uns non lle dan importancia ao que se diga do pasado, outros aínda son quen de coincidir con eles en que a ditadura non foi tan mala ou que tivo cousas boas, e outros pensan que iso de mirar ao pasado, iso da memoria, só é cousa da esquerda.

Por toda Europa, as novas dirixentes da extrema dereita están a traballar en controlar o pasado para intentar dominar o presente. A intención é vella, xa deu lugar a importantes debates en Alemania, famosos xuízos en Gran Bretaña ou leis en Francia contra o negacionismo. A novidade é que os negacionistas gañaron poder: en Portugal o partido Chega está a cuestionar a importancia do 25 de abril; a mesma data, pero referida ao ano 1945 para celebrar a liberación do fascismo, en Italia vese tamén cuestionada por boca da primeira ministra Giorgia Meloni.

O problema non é só español, reflicte os tempos que vivimos. A memoria é fráxil, pode deformarse e manipularse se non se converte en memoria democrática pública. E aínda así. Foi ben explicado por Jorge Semprún en 2010, cando falou no 65 aniversario da liberación do campo de concentración de Buchenwald onde estivo recluído: «Dentro de pouco, as últimas testemuñas do Holocausto terán morto e instaurarase a Historia». O pasado morre connosco e nin sequera unha memoria pública tan forte e con tanta base historiográfica como a do Holocausto ten garantía de resistir.

En España non se entende a frase de Semprún. Un problema da memoria democrática en España é que sempre debeu competir coa memoria da ditadura como se ambas foran iguais, equiparables, lexítimas. Outro substituír a historia por crónicas, novelas e mensaxes políticas. Obviar a historia fundamentada no coñecemento historiográfico e a discusión académica leva a equiparar ficción e non ficción, conduce á manipulación política do pasado e ao relativismo democrático.

 


Comentar