As tendas dos chineses
Opinión
16 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.
No escaparate duns almacéns españois vin un pantalón de cor rosa que me gustou. Entrei na tenda coa intención de compralo e preguntei o prezo. Unha dependenta pouco amable díxome que era de liño, que custaba 60 euros e que estaba esgotado. Preguntei se podían venderme o do escaparate, respondeu que estaba xa vendido. Preguntei se podían encargar un para min e dixo que había que compralo por internet, que podían encargarmo, pero tería que pagalo antes, non podían asegurar que a cor fose idéntica porque cambiaban as tintadas, non dispoñían doutro pantalón que eu puidese probarme para ver a miña talla e non sabía o tempo que tardarían en envialo... Non tiña o menor interese en venderme o pantalón e eu renunciei a compralo. En vista do pouco éxito coa tenda española paseime por unha de chineses. Unha amiga dicía hai uns anos que eramos unha colonia de Estados Unidos. Agora di que somos unha colonia chinesa.
Na tenda había un pantalón dunha cor idéntica ao que me gustaba. A tea é lavable, non se engurra e costa 10 euros. Apresureime a compralo, e o dependente díxome que non lle quitase a etiqueta que mo probase na miña casa e que se non me quedaba ben podería cambialo por outra peza ou darme un vale.
Os meus fillos reprocháronme a compra, din que contribúo a arruinar o comercio nacional. Laméntoo na alma, pero penso que o comercio nacional melloraría se tratase mellor á súa clientela, e confésolles que non podo evitar estar encantada co meu pantalón chinés.