La Voz de Galicia

Amor que non se paga

Opinión

Víctor F. Freixanes

16 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.

En poucos días agasallamos dúas persoas que, con talento e cunha xenerosidade conmovedora, viñeron a nós para participar da nosa lingua, da nosa cultura, do patrimonio común que nos une e, neste caso, nos proxecta cara ao mundo. A Real Academia Galega recibiu na vila de Cambados a Takekazu Asaka (Toquio, 1952) como académico de honra, recoñecemento a case corenta anos dedicado a presentar o noso idioma e os nosos clásicos na cultura xaponesa: traducións de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra, Martín Codax, elaboración de gramática e vocabularios de galego-xaponés…. Hai poucos días, da man do Museo do Pobo Galego, o Instituto da Lingua galega e o Consello da Cultura Galega, honrabamos a memoria ce Dorothé Schubarth (Basilea, 1944-2023), autora dun dos grandes monumentos da nosa cultura tradicional, o Cancioneiro Popular Galego, extraordinario traballo de campo e de gabinete elaborado durante máis de 11 anos (dende 1978), en colaboración co profesor Antón Santamarina, e editado pola Fundación Barrié (7 volumes).

Algún mérito (presente e histórico) debemos ter para que, de cando en vez, veñan a nós persoas como as que arestora celebramos, que afortunadamente non son as primeiras, nin serán as últimas. Cada ano, nos cursos do Galego Sen Fronteiras, achéganse estudantes e licenciados de universidades de non menos de tres continentes para saber da nosa lingua, literatura e cultura. O profesor Asaka foi un deles no seu día, en 1989, e en certa maneira a profesora Schubarth tamén. Durante anos, a investigadora suíza percorreu o país, ás veces en coches de liña, ás veces en auto-stop, para chegar aos informantes de coplas e músicas populares, consciente de que era un mundo que desaparecía e que se alguén non o rexistraba e documentaba de seguro perderíase para sempre. En total, foron 88 concellos, 190 parroquias, 293 lugares e 599 informantes, moitos deles mulleres, dende a costa ao interior, incluídos os lindes de León e Zamora. 1.802 partituras. 2.940 páxinas impresas. Un tesouro só comprable ao que no seu día se fixo coa recolleita do Atlas Lingüístico Galego.

Afortunadamente, Takekazu Asaka está connosco. De feito, asistiu ao acto en memoria de Dorothé Schubarth. Non é doado nestas poucas liñas resumir o afecto, a admiración e o agradecemento que espertan en nós estas persoas, que non son as únicas, repito, mais representamos nelas o alento impagable que recibimos. Na nosa historia hai exemplos de xenerosidade deste tipo, mais nunca os agradeceremos abondo. Un dato derradeiro que non é menor. Pouco antes do seu pasamento, Dorothé Schubert deixou para o Museo do Pobo Galego o patrimonio do seu traballo, como proba de amor e compromiso, mais tamén o diñeiro da súa conta: máis de 200.000 francos suízos. Así o comunicou a familia. Non abondan estes xestos, abofé.


Comentar