La Voz de Galicia

Chineses fóra

Opinión

Xavier Alcalá

19 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A Comisión Europea decidiu subir os aranceis ás importacións de coches eléctricos feitos na China, pois ameazan con afundir as vendas dos fabricados na UE. Ao tempo, Huawei e ZTE xa non poden participar (como membros extra-comunitarios) en proxectos subvencionados con fondos europeos na área das redes de radiocomunicación celular de quinta xeración (a famosa 5G).

As empresas europeas que explotan eses servizos enfróntase a un problema: non hai produtos europeos que poidan cubrir as prestacións que elas demandan como as cobren os das chinesas (non é só cuestión de prezos como no caso dos coches). Esta é a resposta da UE á RPC, cando a presenza de Huawei no equipamento das telecomunicacións europeas é vella: a Telefónica leva décadas a comprarlle conmutadores telefónicos a ese dragón chinés. A globalización levou a que grandes fabricantes europeos coma Nokia, Ericsson, Alcatel ou Siemens se repregasen. En Bruxelas estase a cociñar un veto a todos os produtos telemáticos procedentes da China, mais con iso só se vai conseguir atrasar o desenvolvemento dos plans de dixitalización dos programas cadro da CE. Os estados europeos (España é caso notorio) non se empeñaron como a RPC en investir dabondo en investigación no eido das TIC, polo que estamos ante un «tarde piaches» de difícil arranxo.


Comentar