Imos ver bailar o sol
Opinión
23 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Noite de San Xoán. Noite de cacharelas, fogueiras, laradas, lumaradas, lumes que anuncian o solsticio de verán. Historias de antigos tempos para, ao romper o día, ir ver bailar o sol. Na memoria da infancia a ría toda enchíase de luces: nas praias, nas abas dos montes, nas eiras, nas encrucilladas dos camiños, nos outeiros domésticos, mesmo nos currais. Para a miña avoa había dúas cousas que non se negociaban: a auga de rosas (ela lle dicía así, por máis que había de todo) coa que levaba a cara na mañá do día seguinte logo de deixala toda a noite á ventimperie; e o esconxuro das meigas. Esta segunda parte era fundamental.
O mundo (a prosa de cada día) está chea de desencontros, criaturas atravesadas, xentes cativas que todo o confunden e envelenan, almas pezoñentas que cómpre evitar porque por onde elas pasan no medra a herba (dicía), mesmo acaban quitándonos o aire que respiramos.
Mais non todas as meigas son iguais. E esta é unha diferenciación importante. Eu estou aquí grazas á meiga da Rúa Nova de Abaixo, en Pontevedra, á que me levou a miña avoa con sete anos para tirar o meigallo, para levantar a paletilla, o estómago caído (tamén lle dicían así), e aínda teño na memoria o arrecendo a ruda coa que a señora fixo o empasto que levei posto varias semanas, cunha oración escrita non sei se a San Roque ou a San Bartolomeu.
Estas eran as meigas boas: as que tiñan a ciencia de curar, as que axudaban. As meigas atravesadas (rabudas) eran as que había que escorrentar, principalmente na noite de San Xoán, saltando as cacharelas e brincando arredor do lume, como no debuxo que en 1920 fixo Castelao para o primeiro número da revista Nós. Di a copla popular: «Salto por riba do lume de San Xoán para que non me trabe nin cadela nin can».
Metaforicamente, os cans e as cadelas son esas almas ruíns que estragan o mundo. Canto meigallo teremos que escorrentar estes días, dentro e fóra da casa, para nos librar delas? Cantas candeas haberá que poñer aos santos, a Deus e ao Diaño, que tampouco é malo, para endereitar o que tan desamañado temos? Meigas fóra! Ben sei que estamos a enlear vellos contos dos avós. Mais todo ten a súa lección. A vontade dos homes, para ben e para mal, é a que constrúe ou desfai a historia, non andrómenas de tempos idos. Pero algunhas veces, escoitando os informativos na radio ou lendo os xornais, semella que estivésemos na fronteira da loucura.
O baile do sol é outra cousa. Pola mañá, logo da noite das cacharelas e a festa compartida, a veciñanza toda sube a caeira para dende o alto ver nacer o día. A roda do lume é unha roda de solidariedade, tal que a debuxou Castelao. Se subimos xuntos a montaña, por riba de liortas e diferenzas, as cousas enxérgase doutra maneira, e se nos fixamos atentamente no horizonte mesmo podemos ver bailar o sol.