O verán era tomar un xeado
Opinión
28 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Queixámonos de que nos roubaron o verán con estas temperaturas. O clima cambiou, certo.
Lembro estar preparando a Selectividade (agora ABAU) nun cuarto coa ventá aberta e a persiana case baixada de todo. Era finais de xuño e ía moita calor. E claro, era máis sinxelo poñerse a estudar se non viamos o bo tempo pola fiestra.
Logo, xa era verán pleno, coma os de sempre. Dous meses de descanso, sen horarios estritos, con moitas horas de praia, con xeados de cando en vez. Porque os xeados máis ricos, os de crema, non se tomaban todos os días. «A paga» dos domingos estirábase para degustar este manxar algunha tarde. As outras, conformábanse con polos de xeo. Seguramente auga con edulcorante e colorante. Pero... ai, que ben sabían!
Quedar cos amigos, estar coa familia, ir a media ducia de festas (polo menos!), bailar ao pé do palco da orquestra, rir dunha mesma, camiñar con rumbo e sen el, notar o fresco da noite e ser consciente só entón de que rematara o día.
Seguen encantándome todos os xeados. Tampouco agora os tomo habitualmente. Voulles dando voltas para papar neles sen desfiguralos demasiado.
Cheguei a pensar que era parte desa obsesión miña pola simetría. Pero non, vai máis aló. É render o xeado, o verán, a inocencia. Manter o doce na man, coidando que non se perda pola temperatura, coma unha alfaia. Gardando o tesouro, e tamén a esperanza, de que o verán poida volver a ser esta marabilla: a trincada gorentosa a un xeado. Aínda que o tempo non acompañe, sendo isto o de menos.