Sen tempo para deprimirse
Opinión
01 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Pode caernos mellor ou peor Mercedes Milá, pero o que non se pode negar é que non é unha muller que deixe indiferente. Ademais, coñécena distintas xeracións, por iso está tan ben que sexa ela quen tamén fale de depresión e saúde mental, porque vai dirixir o foco ao tema.
Das cousas que expresou sobre o que padeceu, gustoume especialmente unha. Asegura que quen non pasa por iso, non ten nin idea do que é sufrila, converténdose nunha espada de Damocles que levar enriba.
Miña nai conta que seu avó tivera unha depresión cando, no parto da última filla, lle morrera a muller. Unha doenza que ninguén diagnosticou, por suposto. A finais do século XIX, o mellor que puideron dicirlle é que se volvera tolo.
A consideración no eido psicolóxico mudou moito, pero queda por andar. É habitual, quizais máis na xente de certa idade, criticar a quen sofre depresión ou se sente triste ou non conforme. Non só non comprenden a situación, senón que aseguran: «Eu non teño depresión porque non teño tempo para iso». Como se tocar fondo dependese de ter máis ou menos ocupacións e, o que é peor, fose síntoma de preguiza. Non ten nada que ver a saúde mental con ser lacazáns, pero é habitual atoparnos con esta asociación.
Milá demostrou que, pese a ter unha depresión, ía traballar, por ese sentido da responsabilidade que nos move a moitas ante calquera adversidade. E si, era capaz de rir, de facer bromas... como calquera persoa normal, porque é unha persoa normal. A xente con depresión tamén ten momentos de ledicia, non ten que botar toda a vida chorando. Algo que, por certo, tamén está mal visto.