La Voz de Galicia

Radon radiactivo

Opinión

Jorge Mira

07 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O hidróxeno ten 1 protón no núcleo, o helio ten 2, o litio 3... Con ese proceso de amoreamento de protóns (e neutróns, que fan de manta estabilizadora) a natureza foi formando os elementos químicos que vemos na táboa periódica. Pero esa táboa ten un límite, o que indica que, chegado un punto, o núcleo atómico é tan gordo que non terma de si, por moita manta que lle poñamos. De feito, a partir de 83 protóns o núcleo xa é inestable (hai excepcións e matices a esta regra, nos números 43 e 61, pero iso xa é outra historia). O de polonio, con 84 protóns, acaba escachando para dar lugar a núcleos máis pequenos, nun proceso coñecido como radiactividade e que é perigoso para a nosa saúde. O núcleo máis gordo que podemos atopar na natureza é o de uranio, con 92 protóns, que tamén é inestable.

 

Malia seren inestables, eses elementos radioactivos están presentes na Terra (o 50 % da calor interna do noso planeta sae da descomposición radiactiva). Un dos cachos que acaba saíndo da descomposición do uranio é o radon, con 86 protóns e polo tanto tamén inestable, radiactivo. Ocorre que é un gas, e pasa ao aire, e respirámolo: mal asunto para os nosos pulmóns. As casas galegas de antano tiñan rendixas que facían que houbese unha ventilación que limpaba ese radon, pero hoxe en día os edificios son herméticos, e ese radon non pode saír, acumúlase. Empezan xa a aparecer empresas que nos ofrecen calcular como é a maneira máis eficiente de manter un edificio convenientemente ventilado. Hai uns días entrou en vigor unha normativa para controlar eses niveis de radon.


Comentar