España
Opinión
11 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Penso que a palabra España está desaparecida no vocabulario do presente. Non sei se sinto medo ou mágoa. «Me duele España», afirmaba Unamuno. E Blas de Otero aseguraba: «Lo que me duele / es el pecho; / (el pecho tiene / forma de España)». Celaya: «España mía, combate / que atormentas mis adentros». E Cernuda: «Soy español sin ganas». España é tema recorrente. Durante anos asoláronnos con pésimas novelas sobre a Guerra Civil. Presentan un país cainita e inicuo. Había que enterrar esas Españas. Recuperar a España de luz e luces. Poucos países avanzaron tanto. Se saes de aquí, comprendes a grandeza de España. E pregúntome se somos poucos os que amamos, e valoramos, España. Cando Portugal entrou en oitavos de final da Eurocopa, visitei Chaves. Dende a fronteira, moitísimas casas tiñan a bandeira portuguesa nas fachadas. En Verín, apenas. Nin sequera Madrid, a capital, lucía «españolidade». Parece que seguimos avergonzados do que somos. Eu, escribindo en galego, son tamén español. E, cando escribo en español, non deixo de ser, nin un segundo, galego. Durante máis de corenta anos educamos mal os mozos: nas diferenzas, non no común; educamos para distinguirnos, non nas coincidencias que nos identifican, engrandecen, ennobrecen e nos axudan a progresar. Hai que recuperar España da súa invisibilización interesada. Hai que inventar novos dicionarios. Para sentir orgullo de Yamal e Williams, de Joselu (do Celta e do Deportivo) ou do vasco Unai; do catalán Cucurella e de Navas, andaluz. Alcaraz, murciano. Nos Xogos Olímpicos, vibrar cos nosos. Por diante quédanos a final do domingo. E tamén as cores que, na España de luz e luces, algúns só poden levar «escondidas» no corazón.