La Voz de Galicia

Argos

Opinión

Inma López Silva

29 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Así se chamaba o barco co que Xasón acadou a sona, un navío nomeado coma o seu armador, un xigante de cen ollos capaz de construír o veleiro máis célebre da antigüidade, que vencería monstros e tormentas, como acae aos mitos con happy end. Tivo que ser por invocar ese final feliz que lle puxeron Argos Georgia ao barco que vén de naufragar ao pé das Malvinas, outro prodixio á altura do de Xasón. Só que, malia os seus 54 metros de eslora e a súa tecnoloxía do século XXI, non puido coa furia dos trebóns nos mares do sur na súa caza da pescada negra, que chega ás nosas mesas sen que nos preguntemos, en cada bocado, en cada toque de sal, en cada pinga de aceite, se traela custa vidas, ademais duns 12 euros o quilo.

 

Nove vidas. Quizais máis. Non temos un nome acaído para as persoas que traga o mar, sen cerimonias nin máis prantos que os das súas familias e as escasas horas de atención na prensa. É o que ten este globo terráqueo: o inverno furacanado da metade sur coincide con festa no norte afeito a pasar de todo aquilo que lle compete ao servizo, e capaz de manter á raia a mala conciencia que resiste o que dura o informativo que poñemos mentres preparamos a pescada pola que morreron os nove, quizais máis.

Debera haber unha palabra especial para denominar a orfandade que deixan aqueles que morren para que outros coman. Non é un simple accidente laboral, e por iso o naufraxio dos pesqueiros carece de mitoloxía. É un erro do sistema, un tumor, unha disfunción atroz que ataca especialmente aos países que, coma Galiza, están afeitos a servir e que, en lugar de Xasóns, inventaron lendas de afogados e poemas sobre viúvas de vivos que nunca volveron.


Comentar