O misterio de Banksy
Opinión
13 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Descoñécese a identidade de Banksy. Pero sábese ben o que fai: obras de arte urbana. É o grafiteiro máis famoso do mundo. Non só iso, é que os seus traballos adoitan expoñer mensaxes sociais, políticos ou medioambientais. As súas imaxes remoen por dentro, espertan conciencias, convidan á reflexión.
Como podemos saber que Banksy é o autor das obras que aparecen polas rúas das cidades? Unha sinatura sería facilmente falsificable. Así que o método infalible para certificar a autoría é que aparezan publicadas na web do artista ou no seu Instagram. Se non está catalogada nestes medios dixitais, non é un Banksy.
Aínda que as obras se cotizan moi ben, o misterio rodea a figura deste artista. Quen é? Aínda non se desvelou. Quizais neste misterio resida parte do seu éxito.
Non só critica o capitalismo, o racismo, a hipocrisía... tamén nos retrata como sociedade co seu xeito de amosarse ao mundo. Na era dos influencers que ganan a vida amosando o día a día nas redes, expoñéndose dun xeito excesivo... el usa unha das plataformas para agocharse. Tan só amosa a obra de arte. Nada de posar ao lado, nada del. Só o traballo.
Debera facernos pensar. O misterio é interesante, gardar sorpresas resulta marabilloso. Si, a capacidade de sorprender aínda move o universo.
A última obra que asina amosa dous animais con trompa. Posiblemente unha metáfora do elefante no cuarto: o evidente é ignorado de xeito incómodo. Acabamos de dicilo: ignoramos a necesidade do privado. Se dá cartos... case todo serve.