La Voz de Galicia

Turismo de canastro

Opinión

Antón Riveiro Coello
Imagen de archivo de un hórreo en Toén

18 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O turismo, con todas as súas eivas, non deixa de ser unha fonte de riqueza para o país, e non só económica. Ás veces cabreámonos porque a súa presenza fai subir o peixe no mercado ou unha caña nun chiringo, porque aparcan nos varadoiros dos peiraos, ignorantes de que as mareas do Atlántico non son coma as do Mediterráneo e poden facer medrar o nivel do mar ata catro metros e papar os seus coches, porque andan a apañar ameixas sen permiso ou deixan as cadeiras na praia para reservar sitio dun día para outro... Pero tamén é certo que, á parte dos cartos, deixan anécdotas e a convicción de que a Galicia, coma un porco, todo se lle pode aproveitar. E digo isto porque estes días vin que nun cámping, amais de bungalós, caravanas e tendas de campaña, había un hórreo de pedra que tamén se arrendaba. Non era moi grande e había que subir a el por unhas escaleiras de ferro porque os tornarratos tiñan os pés moi altos. Chamoume a atención ver que unha parella de turistas estaban instalados alí, nun espazo tan reducido e con tan pouca luz, porque as paredes estaban case cegadas por táboas de madeira. Non sei de onde eran, pero, á primeira hora do día, estaban a se facer fotos en pixama. A ocasión ben o merecía porque o nicho non deixaba de ser pintoresco e había que inmortalizalo para que alguén o puidese ver. Descoñezo o prezo que pagaron por ese espazo no que non debe de caber máis ca unha cama, pero tamén sospeito que ao mellor o feito de que fose barato non foi o que os moveu a arrendalo. E esa imaxe tan curiosa desta parella de turistas na porta do canastro, dalgún xeito confirmou as teses doutra nai andaluza que hai anos en Combarro lles explicaba aos fillos, abraiada, que reparasen nas casiñas nas que vivían os antigos galeguiños.


Comentar