La Voz de Galicia

A beleza absoluta

Opinión

borja verea fraiz

19 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Tiven a sorte de que caeron nas miñas mans, ou nos meus ollos, que un xa non sabe se le cunhas ou cos outros, tres novelas que nunca recomendaría. Tolstoi, Williams e Houellebecq. A morte de Iván Ilich, Stoner e Aniquilación. A novela de John Williams, nunha coidada tradución ao galego feita por Moisés Barcia. Linlle tamén a Jabois que «a beleza absoluta só aparece ao fondo do terror cando xa todo dá igual», pero eu non estou de acordo, ou polo menos eu nunca fun tan afortunado. En todas as vidas, e máis a medida que pasan os anos, a felicidade vén acompañada de tristeza. Equilibrio. Nas profundidades oceánicas do ánimo non atopei esa beleza absoluta, calma si, beleza nunca. E diso van eses libros excepcionais, de vidas normais, sentimentos normais e mortes normais. Aterradores.

Tamén na noite máxica do 24 de xullo, na balconada traseira do Pazo de Raxoi, esa gran descoñecida, tiñamos xusto diante de nós o «eixo mistérico compostelán», un concepto que me ten obsesionado dende que o atopei hai xa tempo. O ritmo exacto da cidade, solar, do leste ao oeste, do monte Viso ao Pedroso sendo a praza do Obradoiro esa gran criatura mitolóxica. Pero, agora, a Catedral quedaba ás nosas costas, a secreta balconada elevábanos na noite sobre o reino abisal do poñente. Silencioso. Protexido. Como unha idea prohibida.

Non sei se é beleza ou calma. Terror ou ledicia. O ritmo do sol nun día, pero tamén a elipse planetaria dun ano, cos seus solsticios. Unha vida máis como as descritas nas tres novelas anteditas, coas súas luces e as súas sombras, co seu comezo e o seu final, brutalmente esquemática na súa precisión. Comezo e fin. Sen lendas, sen heroes. O eixo mistérico é unha idea que leva mil anos construíndose, unha Compostela que rebota como un eco no son primixenio do canteiro apostólico e que ten unha onda expansiva que non debemos frear, que non debemos esquecer, a pesar do terror que nos poida xerar esa beleza absoluta.


Comentar