La Voz de Galicia

De Borges a García Lorca

Opinión

Siro

25 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Nun artigo publicado en ABC, en 1978, afirmaba Borges que «el mayor pecado que un hombre puede cometer es tenerse lástima o permitir que otro le tenga lástima», e quizais esa convicción explique a súa altiveza ante outros escritores, a chulería que o levou a desafiar a Academia sueca cando se falaba de que recibiría o Nobel con Vicente Aleixandre, ao ir a Chile para recoller outro galardón das mans de Pinochet; e sobre todo ao se converter no «Borges das infamias», en entrevistas escandalosas. Nunha delas falou de Lorca e dixo: «Me parece un poeta de utilería, era un andaluz profesional… Ciertamente la muerte lo favoreció… Creo que en definitiva solo sirvió para que Machado escribiera un poema admirable».

 

Non se pode ser máis ruín, pero sorprende o eloxio a Antonio Machado porque, cando lle preguntaran que opinaba del como poeta, respondera: «No sabía que Manuel tenía un hermano». Foron tantas as provocacións e as aldraxes saídas da súa boca que rematou por non aturarse e en varias ocasións confesou ter medo a que exista outra vida porque o arrepiaba a idea de volver a ser el.

O que Borges dá a entender ao dicir que a morte favoreceu a Lorca é que se sobrevalorou a súa obra literaria, e iso é falso; e que a oposición ao franquismo o utilizou políticamente, e iso é certo. Aínda en 2016, Ian Gibson non comentou na biografía de Lorca a súa amizade con José Antonio Primo de Rivera porque non cumpría a un poeta da República. Pero tamén houbo e volve haber unha manipulación de signo contrario que presenta a Lorca como poeta apolítico, morto pola fatalidade, vítima colateral. Baséase na desafortunada declaración do seu amigo Pepín Bello no documental Lorca, el mar deja de moverse, de 2006: «Federico era el ser más apolítico del mundo. No le interesaba nada la política. Él solo era poeta, nada más». Non é verdade. Federico non era home de partido, pero si home político e de esquerdas. Déixao claro na carta que enviou á familia o 6 de outubro de 1935, falando do recital que deu para os obreiros de Barcelona que encheron o teatro e a Rambla de Catalunya, seguíndoo polos altofalantes. Di no remate: «Claro es que las derechas tomarán todas estas cosas para seguir la campaña contra mí y contra Margarita, pero no importa. Es casi conveniente que lo hagan, que sepan de una vez los campos que pisamos. Desde luego, en España no se puede ser neutral».

E está a opinión de Franco, recollida polo curmán, en 1955: «(…) no obstante haber sido muy izquierdista García Lorca, autoricé que se editaran sus obras y que se hiciese el reclamo de las mismas».

Por certo, Borges asinou a carta de protesta polo fusilamento de Lorca que varios escritores arxentinos enviaron ao xeneral Cabanellas.


Comentar