La Voz de Galicia

Aquí hai mar?

Opinión

Inma López Silva

26 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Polo visto, a España chegaron este verán máis de once millóns de turistas, pero, para algúns, a verdadeira invasión son os 5.000 nenos e nenas que, só por non teren cartos para ir de botellón coma a nosa rapazada local, son culpábeis de asasinato. Seica os menores refuxiados estudan o noso Código Penal no seu longo proceso de invasión para aniquilarnos, e tamén un pouco porque vai no seu ADN, igual cá cor da pel —escura—, o cabelo —moreno, crecho— e a forma dos ollos. Porque, claro, xa se sabe que os arios louros, de ollos claros, que nos queimamos co sol e choramos oíndo a Wagner nunca fixemos nada malo. Pero só son uns cativos sen infancia. Nenos que se fan homes nunha travesía de orfandade que só imaxinamos para os nosos fillos e fillas nos peores pesadelos. Este xornal contaba hai unhas semanas como un deles preguntaba ao chegar a unha pequena vila de Lugo: «Aquí hai mar?». Canto agocha esa pregunta entre as montañas dunha aldea verdísima e en paz. Quizais ver o mar era o único que lle faltaba a ese mozo para selar, á fin, a infancia usurpada. Ou pode que esa paisaxe distinta dos desertos que atravesou fuxindo da guerra sexa o acubillo que lle axude a esquecer a ameaza das ondas anegando unha chalana pensada para dez, pero cargada con cincuenta persoas dispostas a morrer por un soño de tranquilidade. Se cadra, nas montañas galegas, a presenza deses cinco, dez ou quince rapaces sirva para exercer unha memoria que aínda permanece gardada nos álbums de fotos e nos portarretratos do aparador. Cantas familias galegas descenden hoxe de menas que chegaron ás costas de América hai só cincuenta anos? Que sería desas vilas que hoxe acollen estes nenos traumados sen aqueles que viviron unha desventura semellante?

 


Comentar