Volver á realidade
Opinión
01 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Pídolle prestada a frase á miña amiga Carme: a realidade nunca vai de vacacións, e ás veces ten voltas que nos deixan descolocados. Agosto foi un mes certamente difícil: na política internacional, Venezuela, Ucraína, as matanzas de Gaza, asasinatos cada vez máis difíciles de entender e de explicar, as migracións desesperadas, as dificultades para atopar espazos de convivencia ou diálogo, dentro e fóra da casa… Quen isto escribe precisaba dun certo distanciamento para recuperar folgos e, de súpeto, o pasado mércores, día 28, sorpréndenos o falecemento do noso editor. Volvo a estas mareas dos domingos coa noticia do seu pasamento.
Coñecín a Santiago Rey Fernández-Latorre hai 47 anos, a pouco de publicar o meu primeiro libro Unha ducia de galegos. Chamoume Francisco Pillado, que entón era director do xornal, a través de Segundo Mariño, delegado do periódico en Vigo. Daquela empezaron as miñas colaboracións por encomenda da dirección e da xerencia (Santiago Rey), e logo da man de Juan Ramón Díaz. Houbo momentos moi emocionantes. A empresa buscaba proxección alén das nosas fronteiras: un medio que fose quen de competir con voz propia no discurso da comunicación non só en Galicia, co poderoso esforzo das edicións locais, mais tamén no Estado e fóra do Estado, na procura dunha voz civil fortalecida. Como tiña Cataluña con La Vanguardia ou os xornais de Euskadi.
Un deses momentos emocionantes, nos que a algúns se nos deu participación, foron os primeiros días da xestión informativa do Prestige. O xornal estivo á altura do que a sociedade demandaba. Outro momento a salientar foi a Biblioteca 120. Dirixía Galaxia Carlos Casares e en Edicións Xerais estaba Manuel Bragado. A Biblioteca foi unha das iniciativas máis brillantes da cultura e a edición en Galicia (e en lingua galega). As relacións coa Real Academia Galega, institución que dende hai oito anos teño a honra de presidir, foron sempre moi próximas: Ricardo Carvalho Calero, Luís Seoane, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, García-Sabell, o propio Casares... Velaí a hemeroteca para confirmalo, e mais a edición que todos os anos prepara o periódico para conmemorar o Día das Letras.
Sempre se pode facer máis. Pero tamén podía mirar para outro lado. Era un dos grandes e, como todos os grandes, tiña luces e sombras, acertos e desacertos, igual que calquera ser humano, no persoal e no empresarial. Tiña as súas opcións. Pero respectaba as opinións que podiamos ter outros, e durante todos estes anos, con algún respiro pola miña banda (nunca imposto por el), tiven un oco xeneroso nestas páxinas, que non podo máis ca agradecer. A súa ambición, que era moita, levouno a construír un dos proxectos informativos e de comunicación máis influentes, referencia institucional na sociedade galega. Deixa un legado que outros deberán saber agora xestionar.