Ante o suicidio: cambiemos a narrativa, conectemos á vida
Opinión
08 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A diario, desde profesionais especializados en prevención de suicidio ata afectados e familiares enfróntanse á dor en primeira liña e exercen unha labor esencial de concienciación, pero hai unha época na que esa labor multiplícase con iniciativas como campañas, carreiras, xornadas, formacións, comunicados ou entrevistas, por poñer algúns exemplos, enmarcadas arredor da conmemoración, o 10 de setembro, do día mundial da prevención do suicidio, centrándose este ano o seu lema en cambiar a narrativa e o discurso sobre o suicidio. Mover os marcos: cambiar a narrativa, transformar a forma na que percibimos os suicidios, pasar dunha cultura do silencio e a falta de comprensión a unha de escoita, empatía e apoio, é imprescindible para derribar barreiras, desmitificar, entender e integrar.
Cambiar esa narrativa quere dicir comprender que a ideación suicida dunha persoa non é querer chamar a atención, unha moda ou querer morrer, senón que amosa un sufrimento, unha angustia e unha dor inmensa e que, non por falar sobre iso aumentarán os suicidios e a súa incidencia.
Cambiar esa narrativa implica escoitar sen xulgar, ofrecer apoio e acompañar ás persoas que o precisen cara a procura de axuda, tentando fomentar os factores de protección para minimizar os intentos de suicidio, tentando conectalas á vida.
Fronte á soidade non desexada e ao illamento, ambos factores de risco comúns que poden derivar en condutas suicidas, independentemente de que se dean en adolescentes, persoas adultas ou maiores, debemos reflexionar sobre que facer para manternos conectados, posto que a conexión emocional xa sexa a outras persoas, a animais ou a proxectos que teñan sentido para cada un de nos, é un dos elementos máis importantes que temos e un dos que máis nos conectan á vida.
Como di moitas veces Alexandre García Caballero, gran psiquiatra e mellor amigo, se moito do sufrimento é social, as respostas non poden seguir sendo individuais, retribuíndo a orixe do malestar ao individuo. Por suposto que están as enfermidades que requiren respostas asistenciais, e a conduta suicida tamén a require en determinados momentos, pero tamén é esencial e complementario ao asistencial traballar os vencellos, as redes, traballar desde a intervención comunitaria grupal, xerando espazos colectivos de reflexión, de relación, de conexión, promovendo a implicación de toda a comunidade (familias, amizades, seres queridos, veciñanza, organizacións, entidades de diverso tipo —desde ecoloxistas a feministas, deportivas, de lecer—... gobernos, etcétera).
O sufrimento, as situacións difíciles, son como as ondas do mar, non as podemos parar, vanse a dar, por iso, compre aprender e ensinar a surfealas, e unha forma de facelo e comezar tecendo redes que nos conecten á vida.
Todos temos un papel moi importante que desempeñar para cambiar a narrativa sobre suicidio, porque a súa prevención é cousa de todos, por iso está ben lembrar, en datas sinaladas coma esta, pero tamén os outros 365 días do ano, a importancia de seguir sumando esforzos para conseguir unha prevención efectiva, en todas as idades, desde adolescentes a maiores, porque é cousa de todos cambiar a narrativa e axudar a conectar coa vida, así que fagámolo!.