La Voz de Galicia

Cuántica bidimensional

Opinión

Jorge Mira

08 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana estará en Galicia Klaus von Klitzing, premio nobel de Física en 1985 polo descubrimento do efecto Hall cuántico. Que é iso? Cando unha corrente eléctrica flúe por un cable tridimensional, ao aplicarlle perpendicularmente un campo magnético os portadores da corrente eléctrica (electróns) son desviados fóra desa dirección, no coñecido como efecto Hall, descuberto en 1879. A desviación aumenta de xeito continuo e proporcional coa intensidade do campo magnético aplicado. Pero a mediados da década de 1970 empezouse a sospeitar que iso non sería así en dúas dimensións. Pode resultar estraño falar de realidades bidimensionais no noso universo, pero nesa época foise quen de crealas con sistemas de transporte eléctrico. Nese contexto, von Klitzing deseñou en 1978 un experimento que amosaba que algo estraño ocorría; pero mantivo o segredo ata 1980, cando conseguiu confirmar a existencia do chamado efecto Hall cuántico: a desviación dos electróns xa non é continua co aumento do campo magnético, senón que se detén para certos intervalos de campo magnético, cunha evolución a saltos (cuantización). E, por riba, descubriu que a magnitude deses saltos vén determinada por un valor no que están involucrados números universais, como a constante de Planck e a carga do electrón. O fenómeno ocorre, ademais, cunha precisión extraordinaria, o que abriu as portas a grandes avances no eido da metroloxía, a ciencia da medida e as súas aplicacións, sobre as que nos ilustrará este nobel nos vindeiros días en diferentes foros.

 


Comentar