La Voz de Galicia

A curiosidade

Opinión

Cristina Pato

13 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces pregúntome como se cultiva a curiosidade, o «desexo de saber, de aprender, de coñecer cousas novas» que define a RAG. E se é algo innato, pregúntome tamén en que momento deixamos de ser curiosos, e por que. Supoño que é porque pasei media vida facendo vida social como parte da miña anterior profesión, pero sempre tiven fascinación por ver como se relaciona a xente con outra xente e como son ou non curiosos nese contexto. Hainos que cando se xuntan con persoas que non coñecen dáselles por falar, falar do seu ao seu xeito, sen que lles importe moito se o interlocutor está ou non interesado na conversa. Pola outra banda están os que simplemente escoitan, os que serven de «caixa de resonancia» para aqueles que buscan a alguén que os escoite. E entre os outros moitos xeitos de estar con xente están aqueles que non paran de facer preguntas, movidos pola curiosidade por saber máis sobre esa persoa, esa cultura, esa profesión, esa idea, ou ese tipo de vida. Coido que todos, nalgún momento das nosas vidas, paseamos por eses tres xeitos de estar con outras persoas, pero non sei por que razón ultimamente resulta máis difícil atoparse con xente xenuinamente curiosa, con xente que pregunte, que fale e que escoite e que, ademais, teña ganas de aprender durante unha conversa.

Atribúese a Cicerón a idea de que «o silencio é unha das grandes artes da conversa», e a William Hazlitt «a arte da conversa é a arte de escoitar e de ser escoitado». E nesa frase querería quedarme sempre, pois para min, no corazón da escoita habita a curiosidade. Porque que pasaría se cada día fixésemos o esforzo de «escoitar e ser escoitados?» En que cambiaría a nosa sociedade?


Comentar