La Voz de Galicia

Libros prohibidos outra vez

Opinión

Inma López Silva

14 Sep 2024. Actualizado a las 16:39 h.

Volveu pasar: na Florida retiraron vinte e tres obras de Stephen King das bibliotecas escolares, pois no estado gobernado polo republicano Ron De Santis, aprobouse no ano 2023 unha lei que prohibía nos colexios textos con material sexual explícito, atribuíndo ás familias o labor de vixilancia. Unha forma coma outra calquera para apoderar a asociacións ultraconservadoras coma Moms for Liberty, para ditar normas que, amparadas nunha suposta protección da cidadanía, serven ao control ideolóxico.

 

Con que só unha nai poña unha queixa, prohíbese o libro.

Hitler tamén dicía que o exterminio xudeu era por ben, e quizais polo mesmo motivo desapareceu desas bibliotecas O diario de Ana Frank, canda máis de 3.000 libros. Claro que os nazis, máis escenográficos nas súas cousas, tamén organizaban queimas de libros.

 

Se cren que en España estamos libres de pecado, vaian gardando as pedras: en concellos onde Vox goberna, xa se produce esta clase de censura: lembren só Burriana, onde retiraron da biblioteca os libros LGTBI+, e a localidade madrileña que vetou a montaxe teatral de Orlando.

Cando non se logra convencer da patraña da nosa perigosidade, só queda escondernos baixo a alfombra, aquí e en América.

En Estados Unidos os seis grandes grupos editoriais quereláronse hai uns días contra o Estado de Florida por ir contra a primeira emenda da súa Constitución, a que fala da liberdade de expresión. E en España, atreveríanse as grandes industrias culturais a ir contra as institucións que consideran a man que lles dá de comer?

Os corenta anos de nacionalcatolicismo (tan semellante a Moms for Liberty) lograron algo moito máis efectivo cá censura: agachar baixo a alfombra que, en realidade, é o poder quen depende de nós, non ao revés.


Comentar