Confeti
Opinión
26 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Pouco se fala dunha campaña electoral importantísima que estes días trae tola á rapazada. Sofía, que é herdeira dunha coñecida saga de políticos, prepárase para seguir a estela familiar: para o mitin fai un cartel en que ela é unha especie de Kamala Harris metida a axente inmobiliaria; pintar os labios parécelle excesivo, pero non levar americana, e enfádase coa nai cando lle propón como lema «Galega coma ti» e que leve un caramelo para cada neno: ela ten un programa con propostas moi pensadas. Manoliño é o único neno que se presenta: iso abonda, sobre todo desde que a Antón o pai non o deixou presentarse porque esas cousas dan demasiado choio. Pero está perdido porque Ana e Sara acapararán o voto masculino: levan unha proposta conxunta, aparecen cos maillots do festival de ximnasia do ano pasado e, pedindo o voto como todo saúdo («Se non votas por Ana, Sara vaite [sic] dar labazadas»), estoura Rosalía (Tratrá, non de Castro) e comezan a bailar, reparten chuches coma nun cumpre, e a apoteose final chega cunha bomba de confeti sobre toda a clase aplaudindo entusiasmada: «Delegadas! Delegadas!». «Hai que recoñecer que a súa campaña é mellor», dille a Sofía o seu avó, «estás condenada á oposición, coma a túa nai». Así é. Cunha participación do 100 % e o 95 % dos votos, gaña o confeti. Como nos gusta o confeti neste país onde as chuches presidenciais nos duran a lexislatura mentres o discurso de Sofía —prometía libros na biblioteca, cartos para a excursión e un calendario de exames racional— podrece pola glucosa. Velaí a lección de democracia antes de acabar a primaria. O raro non é que sempre haxa quen se mate por presidir cousas. O raro é que persista a ilusión das Sofías.