Onde van durmir os de fóra?
Opinión
05 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.
O crecemento das cidades foi consecuencia da difícil cristalización dun aglomerado de poboacións vindas de fóra na procura dunha vida mellor. Asentadas á sombra das murallas ou máis alá das vías de comunicación, a convivencia dos moradores locais co aluvión de desposuídos empezou a resultar molesta e a burguesía foi buscar acomodo en novos lugares non contaminados.
Que son, pois, as cidades? Migrantes chegados desde vilas e aldeas ata as periferias urbanas que conformaron barrios onde antes había pequenos lugares, mentres un novo estamento social prosperaba ao amparo da actividade económica e recibía cos brazos abertos a man de obra barata, pero esquecía as súas condicións de vida e traballo. Logo, a imposición da racionalidade do planeamento induciu a aparición de satélites urbanos que darían lugar a metrópoles que se expandiron sen control.
En España, foi a democracia municipal quen viría poñer en valor os barrios, conectándoos coa cidade central e dotándoos de servizos e equipamentos. En vez de derrubar os vellos núcleos, conservounos e programou áreas de crecemento. En conxunto, os veciños foron asumindo a condición de cidadanía.
Veño de ver a película El 47, o emotivo empeño do condutor de autobús Manolo Vital por levar o servizo ata o barrio charnego de Torre Baró, que en plena década de 1970 non tiña nin sequera unha pista asfaltada. Tamén é un recoñecemento ao traballo de profesionais que, como Pasqual Maragall, que se convertería en arquetipo de alcalde democrático, nos formamos no tardofranquismo entregándonos á defensa e asesoramento técnico do movemento veciñal, man a man con moitos Manolo Vital, co ánimo de iluminar as partes apagadas das nosas cidades.
No fondo, o transunto histórico da cidade é de que maneira se produce a diario a maclaxe de poboacións con idioma, relixión, cultura, economía e pel diversas, co compromiso de uns e outros por dar pasos de aproximación. No día de hoxe, despois das dificultades da acollida e do bo facer das administracións estatal, autonómica e local, como no caso de Galicia, a pregunta é onde van durmir os que se están incorporando, tan necesarios desde o punto de vista laboral e demográfico. En barrios monoculturais ou integrándose no tecido urbano? Velaquí, unha vez máis o problema da vivenda que, coa demanda dos mozos que teñen que emanciparse, só se pode abordar desde o traballo en común das tres administracións para construír e rehabilitar, provendo vivendas dignas en alugueiro a prezo accesible. O mercado, por si só, non o resolve.