Está nas nosas bocas
Opinión
14 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Din que é bo facer unha revisión médica anualmente. Isto, para as persoas. A consulta do idioma faise cada cinco anos. O termo consulta é moi acaído, pois o estado mídese en función dunha grande enquisa do Instituto Galego de Estatística. A última foi a do ano pasado e, á espera de facer un estudo detallado, quedo xa preocupada polos avances que lin no artigo de Henrique Monteagudo para a RAG.
É unha enquisa de primeiras veces. Nunca antes a porcentaxe de persoas que falan habitualmente castelán superara o galego. Xa si. Ata agora, nunca máis do 15 % da poboación sabía pouco ou nada de galego. Xa si.
Cando, escasas veces, sae na conversa o tema do estado do galego, acúsanme de pesimista. Curiosamente, quen máis insiste na boa saúde do galego son aqueles que non o empregan. Ou, contrariamente, os que o falan sempre. Galicia é un país de microuniversos. Sexa como for, os datos cantan.
O tremendamente preocupante é a deriva. A menor idade, maior descoñecemento da lingua. A cativada (ata 14 anos) fálaa moi pouco. Só o 16 % a empregan máis có castelán.
Di o estudo que o 30 % das clases se imparten total ou maiormente en castelán. Esta é a miña alegría. Visito moitos centros escolares e, polo que observei, ata o momento pensei que a porcentaxe real era aínda moito máis favorable ao castelán.
Isto non é unha alerta. É un estado de emerxencia. Xa si.
O autor advírtenos «da urxencia de mudar o rumbo. É tempo de facelo, agora ou, probablemente, nunca». Está nas nosas mans, nas nosas bocas.