Unha noticia esperanzadora
Opinión
27 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A posible liña de traballo que se anuncia entre grupos representados no Parlamento de Galicia arredor da necesaria revisión da política da lingua e a necesidade de afrontar un novo discurso e actuacións a prol do futuro do galego abre un portelo de esperanza. Ben sei que moitos me tacharán de inxenuo ou mesmo dirán cousas peores. Pero tal como están as prácticas na vida política, tal como veñen os discursos, cada vez máis incendiarios, tal como se van pechando portas, a noticia de que o Partido Popular de Galicia poida reunirse co BNG e o PSdeG-PSOE para falar da situación do idioma cos datos do Instituto Galego de Estatística enriba da mesa e cos traballos de institucións varias (e solventes) que dende hai anos veñen denunciando o devalo do idioma, o seu esmorecemento progresivo e aparentemente imparable sobre todo nas novas xeracións e no ámbito da escola, é unha noticia que non debemos deixar pasar. Certo que polo de agora non é máis ca un apuntamento de intencións. Pero é unha noticia esperanzadora.
Somos moitos os que dende hai tempo vimos propoñendo unha autocrítica seria dende todas as partes para dilucidar, na medida do posible, o que fixemos ben e o que non fixemos tan ben na difusión, coñecemento e uso do idioma. O primeiro responsable é o Goberno galego, certamente, a quen corresponde o deseño e propostas de actuación. Pero a situación é abondo complexa como para que non teñamos todos unha parte de culpa, empezando pola casa de cada quen (as familias) e acabando nesa complexa trama de redes que son as Administracións públicas, as responsabilidades do Estado, os medios de comunicación, as igrexas (non só a católica), as industrias da cultura, as organizacións empresariais e sindicais, as asociacións deportiva e de ocio, a publicidade… Sen excluír as capeliñas de intereses que tamén circularon arredor do idioma. Disto falamos nunha marea anterior: a lingua é un produto social, un patrimonio que nos atinxe a todos e do que todos nos beneficiamos, mesmo os que non a falan. Non vou repetir o que dixemos moitas veces: a lingua galega é unha realidade que compromete o conxunto da sociedade, grandes e pequenos, máis ilustrados e menos ilustrados.
Quero darlle un voto á esperanza, que é tamén un voto a prol da intelixencia política. A primeira gran repercusión que vai ter unha medida como a que se anuncia é a imaxe social (e pedagóxica) de unidade arredor do problema, onde uns poden ceder un pouco para entre todos gañar moito; e mais a consciencia de que as accións políticas non son inamovibles senón que deben estar suxeitas á revisión periódica dos seus resultados: se non funcionan, estúdase por que e, se procede, cámbianse. Neste caso, quen aparentemente cede, ao final acaba ganando. En primeiro lugar a propia imaxe da lingua, como un patrimonio común.