Riquiño Rivas
Opinión
29 Oct 2024. Actualizado a las 14:47 h.
Levo toda unha vida lendo a Manolo Rivas e aprendendo del. Somos moitos. Cando lle fas entrevistas, daste conta de que Rivas é sobre todo poeta. As súas palabras bailan, danzan. As súas mans móvense no aire cando o tes en fronte como acompañando o que di. Contesta ás preguntas tal e como escribe. Sáelle de dentro. Por iso os seus libros pódense ler en voz alta. Un xogo de palabras, como os que lle gustan a el, convérteo para os que somos fieis en Riquiño Rivas. Sempre está ao lado da bondade. O seu corazón é unha mazá sa. É como unha barra de pan. Imprescindible para a historia da literatura. Di o xurado que o premian pola beleza das súas letras e tamén pola memoria histórica. Lóxico. Rivas fai beleza, como unha pastelaría fai milfollas. Rivas é un autor comprometido. E poucas páxinas se escribiron máis fermosas sobre a guerra incivil e a repugnante posguerra que O lapis do carpinteiro. Está moi dito. Hai veces que o premio honra a quen o recibe. Neste caso, é Manolo Rivas o que fai grande ao Nacional das letras. Como lles explico o que escribe Manolo Rivas? É o que escribiría unha bucina de mar se tivese a man un teclado. Pero o teclado dun piano. Porque Rivas non escribe nunha máquina de escribir. Fai música cos seus dedos sobre o piano. Quixémolo desde que nos namorou do oficio de xornalista con El periodismo es un cuento. E nunca nos deixa de sorprender. Tanto cando quere salvar as librarías, eses espazos máxicos, como cando se lanza a escribir, agora mesmo, un thriller. O mellor de Rivas é que hai Rivas para longo. Manolo Rivas é capaz de ser Rosalía de Castro e as Tanxugueiras, á vez.