A ira dos deuses
Opinión
01 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Como é posíbel que fósemos quen de colocar unha cámara na cola dun cometa, pero non de que as alertas cheguen aos móbiles?, preguntábame xusto antes da labazada. Mais logo veu o abraio: os coches amoreados, as persoas nos tellados, o pesadelo feito realidade das fillas tragadas polo río. Isto xa non vai de responsabilidades, abstéñanse de atribuílas polo de agora, pois todo o que era grande antes do dioivo é diminuto hoxe, cos cadaleitos nas retinas.
A palabra sustentabilidade (esa modernidade que procede do vello ecoloxismo) garda en si a lóxica dunha natureza que xa non precisa mitoloxías: en función das leis da física e da química hai cousas que o mundo pode soster para seguir comportándose como adoita e hai cousas que non. Non é que o planeta nos odie ou nos castigue, só é que se volve imprevisíbel, e a humana é unha especie preguiceira que sobrevive na comodidade do previsíbel. A ira dos deuses, as pragas bíblicas ou a caixa de Pandora non eran máis que maneiras de advertirnos de que os cambios nos extinguen e de lembrarnos a nosa propia idiotez por provocalos, ou sexa, que sempre houbo alguén menos preguiceiro ou menos parvo cá media que avisou de que o negacionismo mata. Mais o dioivo case nunca leva a aqueles que retan as divindades, senón a currantes atrapados nun garaxe, meniños que aínda poderían salvar o mundo, xefes que non deciden os límites do quecemento global.
Ollo de novo as fotos da catástrofe deste outubro do 2024, seguramente a primeira das vindeiras seis pragas, e volvo á cámara no cometa. Alí quixera eu o exilio, lonxe da ira dos deuses, e fóra do alcance da indignidade entre praga e praga, cando os mediocres tenden a ciscar culpas coma se non houbese unha traxedia en cada vítima.