La Voz de Galicia

Alimentar a esperanza

Opinión

Víctor F. FREIXANES

10 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Hai algúns anos o escritor Manuel Vázquez Montalbán publicou na revista Triunfo un artigo no que reclamaba o dereito a votar nas eleccións norteamericanas. O artigo case que lle custa unha nova sanción á revista, que por outra parte acumulaba multas. Viña asinado por Sixto Cámara, un dos peudónimos do autor, e nel salientaba o dereito a voto non como reivindicación democrática (aínda vivía Franco) senón coma mostra da dependencia da sociedade española verbo da realidade política americana. Española e occidental, por non dicir universal. O imperio estende os seus tentáculos, e aperta con forza alí onde pode.

 

 

O artigo de Vázquez Montalbán (Sixto Cámara) falaba das eleccións americanas e falaba de nós, que danzamos arredor como mosquiñas. O pasado martes, pendentes unha vez máis dos resultados das urnas en Minnesota, Wisconsin, Arkansas, Misuri…, irremediablemente volvín ao artigo de Sixto Cámara e a súa reivindicación: dereito a votar, polo que nos vai en xogo.

Non está a cousa para botar foguetes, certamente. Coas cifras diante a candidatura de Donald Trump arrasou. Un meu amigo, que nestes casos tende sempre a ver a botella medio chea, di que non foi para tanto, que puido ser peor, que as institucións democráticas norteamericanas teñen mecanismos dabondo para contrapesar a concentración de poder e garantir o equilibrio de forzas. Non digo que non, mais o mapa, repito: é esmagador nas dúas cámaras lexislativas, no poder xudicial, no executivo… Os grandes medios de comunicación tradicionais xa evidenciaron o seu medo (chamémoslle prudencia) diante da presión todopoderosa do novo amo do mundo (Washington Post) que ademais controla unha parte moi importante das chamadas redes sociais e as industrias do entretemento. Faltan as universidades, e algunhas institucións de carácter social e asistencial, e os programas de investigación, os seguros médicos, a educación, a seguridade pública (para os que non queren un rifle na casa), a política fiscal, o medio ambiente…

 

E os que vivimos fóra. Deses falaba precisamente o artigo de Sixto Cámara. Como afectará a nova realidade norteamericana aos refuxiados do Mediterráneo, aos nenos de Gaza e do Líbano, á guerra de Ucraína, aos ranchitos de Caracas, os esfameados do Sahel, ás relacións con Rusia e con China, ou coa propia Unión Europea? Que podemos esperar dun novo reparto do mundo? Ben sei que moitas destas cuestións soan a retórica de circunstancias, pero están aí, igual que o debate do clima, as migracións, os desafíos da tecnoloxía, a crecente desigualdade social, o reparto da riqueza… Cando se fala da necesidade dunha nova orde internacional que equilibre o actual desaxuste entre os pobos e entre as persoas, fálase dun discurso novo que apunte un horizonte novo, novos valores, novas maneiras de alimentar a esperanza.


Comentar