Lingua e folclore
Opinión
03 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
TEstes días apareceron en diferentes medios de comunicación os resultados dun estudo arredor da situación do idioma galego que cando menos, resultáronme inquietantes. Segundo se tiraba deles e por primeira vez na historia o número de galegofalantes habituais é inferior ao de castelanfalantes. O desolador é a confirmación dunha tendencia que dende hai tempo comezou. Cunha mínima observación en contextos próximos é triste comprobar que o número de persoas que utilizan a nosa lingua, sobre todo entre a xente nova, cada vez é máis reducido. A cuestión é debida a un cúmulo multifactorial de circunstancias de diferente natureza que conclúen nunha tormenta perfecta en contra do noso idioma.
Toda esa análise e conseguinte arranxo está nas mans de todas e todos pero principalmente de aqueles que teñen competencias para facer que toda esta situación mude en positivo. Como se soe dicir, todo é reversíbel agás a morte, e de momento aínda que a ferida é importante, a nosa lingua está ben viva. O noso folclore é unha desas reservas onde o galego, aínda que xa con moitos castelanismos, segue sendo o idioma predominante e onde brilla con luz propia. A Real Academia Galega vén de confirmar que o 2025 o Día das Letras Galegas estará dedicado á poesía popular oral e ás cantareiras, que neste caso personificaron en 6 mulleres das moitas que hai por todo o país. Un bo momento para reflexionar de novo sobre o idioma e o seu emprego. O folclore é un dos piares máis importantes de calquera cultura, e se está directamente ligado á música aínda ten moito máis valor xa que a capacidade de transmisión resulta máis doada.
Neste punto considero que sería sensato revisar todas aquelas cantigas de orixe galega que se foron castelanizando e tamén por en práctica un compromiso de coherencia idiomática a todas aquelas persoas que tanto e tan ben teñen traballado neste campo. É obvio que non é doado nin é a solución dun problema de envergadura moito maior pero sen dúbida contribuiría significativamente, aínda que fose dunha maneira simbólica, xa que moitas veces, a suma de pequenos esforzos son clave de posíbeis solucións.