La Voz de Galicia

O congreso de Sánchez e o lapsus de Feijoo

Opinión

Siro

07 Dec 2024. Actualizado a las 11:36 h.

Todo foi como estaba previsto. Pedro Sánchez chegou ao congreso do PSOE en Sevilla cantando por seguidillas e saíu bailando por alegrías. No escenario luciu magnífico, esplendoroso —a carón seu ata os mellores mozos semellaban ananos— e, seguro de si, non falou a mil compromisarios, senón a un compromisario con mil caras, todas amábeis. E, claro, xa se sabe o resultado: o partido máis unido que nunca ao líder.

 

O PP tiña que contraatacar e fíxoo na Intermunicipal de Valladolid cun Feijoo audaz, que botou man da ironía para ferir o presidente: «Aguanta, Pedro. No dimitas porque no te mereces irte con un mínimo de honor. Aguanta, Pedro, porque te vamos a echar los españoles, libre y democráticamente».

Díxoo mal, claro; porque se a Pedro Sánchez aínda lle queda un mínimo de honra —que xa é raro recoñecerllo despois das que lle levan dito—, como vai perdelo nunhas eleccións democráticas? Pérdese a honra cando se perden as eleccións? Claro que non, e Feijoo non quixo dicir o que dixo porque o que dixo foi como se dixese: «¡Pedro, te duele un zapato!». Pero non importa. Ninguén se enterou, os intermunicipalistas riron a cachón e a proposta de Cuca Gamarra saíron todos da Feira de Mostras facendo unha conga que ocupou un quilómetro da beirarrúa na avenida Ramón Pradera.

Eu valoro o intento de Feijoo de renovar con humor a munición obsoleta coa que a dereita bombardea a Moncloa desde hai seis anos, porque o do Goberno Frankenstein estivo ben, pero despois de tanto uso e abuso nin fai graza nin molesta. O de trilero tramposo y camandulero tivo o seu aquel; pero non deu para máis. Orixinal e gracioso estivo Alfonso Ussía ao falar dun traxe que lle quedaba horroroso ao presidente: «Para mí que el sastre de Sánchez combina su profesión con el diseño de espantapájaros, y en ocasiones confunde las entregas». O malo é que no mesmo artigo lle saiu a vea facherilerilerile e rematou afirmando que o golpe de Estado do 23-F fora unha nadería comparado cos de Pedro Sánchez, que polas contas da dereita leva seis.

Eu, que lle quero ben a Feijoo, anímoo a perseverar nas turradas ao presidente pola vía do humor e a buscar inspiración na literatura popular e de autor. De Perico, el de los palotes a Peter Pan, pasando por Pedro Botero, El Periquillo Sarniento e Pedro el escamoso, ten abondo onde escoller, pero tratándose dun picaronazo como Pedro Sánchez eu iría dereito a El subtil cordobés Pedro de Urdemalas, de Salas Barbadillo, que o describe así: «Pedro, aquel tejedor más de embustes que de telas, tan reverenciador de la verdad que, por juzgarse indigno de ella, jamás la puso en los labios, dulce conservero de patrañas, delgado en la imaginativa para su invención, rico en la elocuencia para su adorno y osadísimo en el ánimo para sus ejecuciones (…)». A que mola?

 

 


Comentar