La Voz de Galicia

O que hai que ver

Opinión

xerardo estévez
Cineuropa no Teatro Principal de Santiago

09 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Cultura e cidade son inseparables. Cultura local, popular e internacional, cultura clásica e de vangarda, como actuantes ou espectadores.

O Teatro Principal de Santiago é a sede central de Cineuropa. Vén de clausurarse unha nova edición, co éxito acostumado. Sendo aínda moi novo o seu director, José Luís Losa, propúxolle ao Concello organizar este festival de festivais, que presenta os filmes en primicia antes de que pasen ao circuíto comercial; moitos quedarán fóra porque cada vez hai menos salas que aposten polo cine de calidade en versión orixinal, para amadores do xénero. Conforta compartir Cineuropa con mozos e maiores, inmersos na escuridade e o silencio, e asistir aos premios e recoñecementos.

A construción do Auditorio de Galicia como sede da Real Filharmonía de Galicia, cun Padroado e un Consorcio que a sosteñen, foron decisións de partida que aportan estabilidade ao proxecto cultural. Cada un dos sucesivos directores titulares cumpriu o seu papel, uns con maior entrega ca outros; o tempo de ensaio apréciase na calidade interpretativa. Baldur Brönnimann é un bo director, dedicado e interesado, como estamos moitos, en incluír na programación a música do noso tempo, que se remonta xa ao século pasado.

Teño que incidir unha vez máis na falta de sintonía entre as dúas grandes orquestras galegas, OSG e a RFG. A primeira adoita ofrecer un único concerto anual en Compostela, e para iso sen o director titular nin os primeiros atrís e cun programa de compromiso. A Sinfónica sabe abordar con solvencia o gran sinfonismo; a Filharmonía, con menos atrís, abrangue da música barroca á contemporánea. Son necesariamente complementarias.

O que hai que ver en materia de grandes exposicións internacionais está na Coruña. A Fundación Marta Ortega Pérez vén actuando como emprendedora de cultura, máis alá do patrocinio ou o coleccionismo. A cesión de uso das instalacións da Batería para fins expositivos a cambio dun canon parece unha boa iniciativa. Na liña xa consolidada, presenta a excelente mostra de Irving Penn organizada polo Museo Metropolitano de Nova York.

O 2027 vai ser Ano Xubilar compostelán ou Xacobeo. Por que non recuperar a través do Real Padroado a grande oferta cultural, con música clásica, teatro e exposicións de rango internacional, e situar de novo Santiago e Galicia nos circuítos de alto nivel. Cultura, Administracións e empresa forman un trinomio fundamental en todas partes, non só poñendo recursos, senón coa presenza activa dos representantes políticos e económicos.


Comentar