La Voz de Galicia

As ideas de Diana e Hussam

Opinión

Antón Riveiro Coello

10 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Como escritor sempre tiven certa querenza polos conflitos bélicos, e a guerra de Siria sumouse a outras guerras que se converteron en pano de fondo dalgúns dos meus libros. Ese interese, ou esa obsesión, levoume a coñecer persoas que viviron tanto dentro como fóra das guerras e me contaron a súa experiencia dramática. Kapuscinski aseguraba que escribir sobre as guerras dalgún xeito era intervir nelas. Talvez. No caso de Siria, a maior inspiración veume de Diana e Hussam, un matrimonio sirio, exiliado en Holanda, que hoxe agarda con desconfianza a posible vía que se poida abrir no seu país de nacenza. El, químico, ela, profesora de inglés, con dous nenos pequenos que xa falan neerlandés e apenas lembran nada da casa onde naceron, son outras das vítimas dunha guerra inxusta, creada por un ditador que foi quen de disparar sobre ese pobo que no 2011 saíu ás rúas para pedir unha solución pacífica e democrática. As ideas de Diana e Hussam eran tan xustas e esperanzadoras que a estratexia do tirano foi bombardealas, alegando que estaba a loitar contra o terrorismo. Para reforzar esa mentira diante do mundo, o presidente sirio mesmo construíu o inimigo cando liberou moitos presos salafistas que, ao final, tamén secuestraron as ideas da revolución, e ofreceulle ao mundo a escolla perversa entre el, un ditador traxado, ou un barbudo armado.

 

Gustaríame saber que pasa nestes intres pola cabeza de Diana e Hussam e pola de todas as persoas que soñaron cunha Siria libre e democrática. Estou certo de que os meus amigos estarán a celebrar a caída de Bashar Al Assad, pero dubido que estean a barallar a posibilidade dunha pronta volta a un país destruído no que ao mellor non son as ideas as que están de celebración, senón as armas. Agardemos que non.


Comentar