Os coleccionistas de arte
Opinión
20 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Nestes días anteriores ao Nadal exponse en Madrid unha parte das 4.000 obras da colección Pérez Simón, un empresario de orixe asturiana que viviu desde a súa infancia en México. Alí tivo sorte cos negocios e, cando tivo cartos dabondo, dedicouse a comprar as obras que admiraba desde a súa nenez e que só puidera ver nos museos.
En España temos tamén unha gran colección de arte, a de Pilar Citoler, odontóloga de profesión, que na actualidade conta con 1.200 obras, non só dos mellores artistas españois das últimas décadas do século XX, senón de artistas estranxeiros como Liechtenstein, Rauschenberg, David Hockney ou Andy Warhol.
O paradoxal destes grandes coleccionistas é que non poden gozar das obras que tanto admiran. O gozo dunha obra de arte implica contemplala, e iso require tempo: mirala detidamente, desde todos os ángulos, recrearse nos seus detalles, pechar os ollos e sentir como se forma na mente a súa imaxe; se é unha escultura, pasar con coidado a man sobre ela, acariñala...
A colección de Pérez Simón abarca desde a Baixa Idade Media ata a actualidade e ten obras dos mellores artistas de todos eses séculos.
Pregúntome tamén de cantas desas 4.000 obras podería el gozar verdadeiramente. E tamén me pregunto cal é a razón que leva a un coleccionista de arte a acumular obra tras obra.
Unha amiga suxíreme dúas posibles razóns: dar a coñecer as grandes obras de arte ao maior número de xente. Ou entrar no Libro Guinness.
En calquera caso, se están por Madrid, non deixen de visitar a exposición da Colección Pérez Simón. Ten cadros fermosísimos.