Todas as axudas son poucas
Opinión
22 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Coido que foron os alemáns ou os británicos os primeiros en promover unha palabra que definise o ano entre os falantes ou que encarnase as expectativas, ilusións ou bos desexos de futuro. No primeiro caso falamos de «palabra-crónica», representativa do que foron os últimos meses. No segundo caso preferimos escoller unha palabra que mire cara adiante. E editorial Merriam-Webster dos Estados Unidos, especializada en lexicografía e dicionarios, foi das primeiras en propoñer a idea e no ano 2003 presentou a palabra democracia para inaugurar a serie. Outros din que a idea vén dos alemáns, da Gesellschaft für Deutsche Sprache en 1971. A Real Academia Española empezou no 2013. A Real Academia Galega, en colaboración coa Fundación Barrié, no ano 2014.
Corrupción, refuxiado, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós, tanxugueiras, comadre… foron algunhas das palabras galegas elixidas polos seareiros do Dicionario da RAG para significar cada ano. Cada quen ten as súas, que van dende a crónica do pasado á proxección de futuro. Dentro de poucos días elixiremos a palabra deste 2024 que está a piques de rematar. Persoalmente estou polo futuro, igual que estou por celebrar os nacementos e non as defuncións. E polas palabras forza, como afouteza no ano 2017, ou irmandade no ano 2016. Sentidiño tamén tivo moito éxito. Ben que o necesitamos. Case diría que hoxe máis que daquela (2019).
Andan estes días en votación as propostas. Mais eu propoño unha que nunca entrou na listaxe e, non obstante, nunca foi tan necesaria: esperanza. Ben sei que pertence ao capítulo das boas intencións. Pero nunca foi tan necesaria, repito, e vén da noite dos tempos. De seguro que os lectores coñecen a súa orixe: elpis para os gregos, spes para os romanos. Cando Zeus quixo vingarse da estirpe de Prometeo, que se arrepuxera contra el, deulle a Pandora unha cunca de barro con todas as virtudes dentro, mais coa orde de que non a destapase. No fondo é o mito de Adán e Eva coa mazá no Paraíso. A curiosidade fixo que Pandora destapase a cunca e daquela marcharon polo aire todas as pequenas e medianas divindades que podían ser útiles ao ser humano: a discreción, a confianza, a prudencia, a moderación, o autocontrol… E todas fuxiron para o Olimpo, agás a esperanza, que disque ficou no fondo na cántara.
Todas as outras virtudes fuxiron. Só nos quedou a esperanza, no mito da cultura grega que herdaron os latinos e logo o cristianismo. Hai quen di que foi a derradeira das deusas latinas. De aí a frase: spes ultima dea (a esperanza é o último que se perde). Seica durante as guerras púnicas os romanos moito confiaban nela. Non son un especialista, pero nestes tempos que nos toca vivir todas as axudas son poucas.