Estafa piramidal
Opinión
28 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Das malas noticias que nunca faltan nas festas de Nadal, este ano resultou especialmente dramática a dunha axencia de viaxes de A Coruña que estafou a numerosas familias de inmigrantes hispanos que mercaron billetes de avión para viaxar aos seus países de orixe e no aeroporto descubriron que non eran válidos. Moitos confiaron na axencia porque o propietario é un deles, de nacionalidade dominicana, leva anos no negocio e ofertoulles pasaxes a bo prezo e con facilidades. Un titular da Voz dicía que o xuíz viu no seu proceder delictivo unha estafa piramidal, e probablemente foi así, pero a tan pequena escala o estafador cae antes que os mentiráns e os coxos. Cando moven millóns de euros, os delincuentes tardan en seren descubertos; pero caer, caen. En 2024 a policía española desmantelou tres tramas internacionais que enganaron a miles de inversores.
Moitos recordamos o abraio e a angustia que se viviu en España, en 2006, cando a Audiencia Nacional interveu as empresas Afinsa e Fórum Filatélico por unha estafa piramidal de máis de 3.700 millóns de euros e centos de miles de afectados que, por fin, serán compensados ao incluír na declaración da renda as perdas sufridas. Os responsábeis da estafa foron xulgados cabo de 12 anos, e condenados a penas que ían dos 6 meses aos 12 anos de cárcere para o presidente Francisco Briones. O maior accionista e cerebro da estafa, José Manuel Carlos Llorca Rodríguez, fuxiu e nunca máis del se soubo.
Non faltaron advertencias do fraude. En 1994, un experto en filatelia denunciouno ante o Banco de España; en 2004, a OCU desaconsellou a inversión; e en 2005 o Financial Times insinuou que Fórum e Afinsa podían ser estafas piramidais. Porén, medios especializados en información económica como Radio Intereconomía e Actualidad Económica poñían o Fórum Filatélico coas mellores empresas de España; e no Boletín Económico de Información Comercial, que edita o Ministerio de Economía, aparecía en Nadal do 2001 un artigo asinado por Juan Emilio Aragonés Carazo sen outra finalidade —dígoo despois de lelo varias veces— que a de afirmar que Fórum e Afinsa eran <además de una garantía en rentabilidad, una seguridad contra el fraude>. Gobernaba o PP con Aznar na presidencia e Rato no ministerio. Podería pasar cun Goberno do PSOE, seino; pero, quen oiría a dereita!
Unha curiosidade: a primeira estafa piramidal en España fíxoa Baldomera Larra, filla do escritor e xornalista, na primavera de 1876. Pillárona aos poucos meses e condenárona a seis anos de cárcere, pero saíu ao pouco tempo e desapareceu discretamente.