La Voz de Galicia

Valle-Inclán, Azaña e Castelao

Opinión

Siro

04 Jan 2025. Actualizado a las 05:00 h.

Mañá é o cabodano de Valle-Inclán. Morreu o 5 de xaneiro de 1936 en Compostela, onde pasara unha revisión médica co doutor Villar Iglesias, que o operara dun cancro de vexiga en 1924. Tiña 69 anos e como escritor acadara un recoñecemento que non deixou de medrar. Hoxe ninguén lle nega a xenialidade como autor nin a valía da obra, pero hai quen xulga con severidade as súas ideoloxías políticas. Digo «ideoloxías» en plural porque Valle foi dunha a outra, por enfrontadas que fosen, e ás veces no mesmo día. En febreiro de 1933 asinou o manifesto fundacional da Asociación de Amigos da Unión Soviética e en marzo eloxiaba a Italia fascista de Mussolini e cualificaba o Goberno español de «ditadura socialista». A min paréceme que o Valle-Inclán metido a político non é para tomalo en serio e que boa parte da súa vida pública ten tanto de «farsa sentimental e grotesca» coma o texto de La Marquesa Rosalinda, que el cualificou así.

 

Como podía ser amigo de Azaña? Porque Azaña coñecía a súa personalidade e a súa bonhomía: «Alguna vez, yendo a encontrarme con Valle-Inclán, me he preguntado a cuál hallaría de los varios que existen». «¿Quién sabe lo que piensa Valle de nada ni de nadie? Le he oído defender siempre con muchísima gracia y desenvoltura posturas completamente opuestas». «Nunca nos hemos enfadado, a pesar de que él se ha enfadado con casi todo el mundo alguna vez».

Da admiración e o afecto que Azaña sentía por Valle dá idea esta achega ao ser máis íntimo: «Valle-Inclán es el mayor enemigo de sus carnes. No duerme, pudiendo dormir; no come, teniendo qué. Diríase que el sufrimiento lo exalta. Bajo tal especie, Valle-Inclán se acerca más al ser doliente que hemos entrevisto en su recatada intimidad».

Ao galeguismo non lle faltaban razóns para rexeitar e combater as opinións de Valle sobre Galicia, os galegos e o idioma, e no ano 1922 o poeta Manuel Antonio e o debuxante Álvaro Cebreiro fixérono no manifesto Máis alá, no que lle chamaban «maestro de la juventud imbécil de Galicia». Porén, Castelao, que gozou da súa amizade, defendeu a galeguidade da obra de Valle-Inclán, que «escribía en castelán o pensado en galego», e non tivo en conta as súas arroutadas. El foi un dos que portaron o cadaleito no cemiterio de Boisaca e, sen dúbida, o autor do obituario que o Partido Galeguista publicou en A Nosa Terra, que empeza cunha proclama: «Morreu Valle-Inclán. Cando Galicia se dispoñía a render unha homenaxe a este egrexio galego foi el quen homenaxeou a Galicia facéndolle entrega do seu corpo».

Eu tamén o sinto así.


Comentar