«En Ourense os poderes públicos non adican nada á cultura»
Ourense
O director da Casa da Xuventude leva trinta anos ao fronte dunha institución que organiza moitas das actividades culturais punteiras na capital
28 Oct 2007. Actualizado a las 02:00 h.
A Casa da Xuventude de Ourense e as súas actividades van unidas de forma irremediable á persoa de Benito Losada que converteu a Casa (como acostuma a chamarlle) no lugar de encontro de numerosos colectivos xuvenís e non tanto. Esta semana presentou o medio século do Outono Fotográfico.
-Vinte e cinco anos.
-Vinte e cinco anos son moitos anos, unha pasada. Pero a min gustaríame que fosen simplemente os primeiros vinte e cinco anos do Outono Fotográfico. Para min o último mes é un agobio tremendo. Chega un momento que é angustioso. Péchome dúas fins de semana seguido na miña casa a facer que todo encaixe. Pero é moi agradable porque case todo o mundo quere colaborar.
-Non foi o mesmo o principio. ¿Como se iniciou?
-A Casa da Xuventude saía dunhas obras, dunha remodelación bastante grande. En concreto metemos o ascensor. Estivo pechada uns meses polas obras. Decidimos: Casa nova, actividades novas. Pensamos nalgunhas que podían funcionar. O primeiro ano foi «Outono Fotográfico na Casa da Xuventude» e no segundo xa se puxo o nome que ten hoxe.
-Unha das características do certame é que comparten programa xente consolidada con outros que empezan.
-Moitas veces hai que perder o medo. Hai xente consolidada que entre as súas referencias ten o Outono Fotográfico. Nós tentamos nalgún momento dar un salto para que todas as exposicións fosen como as de La Caixa (FotoPres), pero non é posible. Tentamos dar ese salto pero comprobamos que o noso era traballar para xente nova e para colectivos cidadáns.
-Deixamos hai pouco as Xornadas de Banda Deseñada. Outra xoia da Casa.
-As Xornadas de Banda Deseñada a ese nivel incluso tiveran máis transcendencia que o Outono. Traballamos dende o principio coa xente de base. Ves con satisfacción que esta xente xa está publicando por fóra. Os autores senten as xornadas coma propias, involúcranse e participan de forma activa. Nós puxemos o nome de banda deseñada en galego e aínda hoxe o dicionario da Real Academia Galega non acepta este nome. A partir de usalo nós xeneralizouse.
-E quizais a terceira sexa a Bienal da Caricatura.
-Como actividades dese tipo si, pero actividades hai moitas coma o Maio Xove ou os equipos de xadrez, dos que estamos moi orgullosos. A Bienal toca este ano e temos xa unha gran exposición da obra de Luis Bagaría.
-¿Que papel desempeña a Casa da Xuventude na cidade?
-Dalgunha maneira cubres ocos e carencias. A cidade non ten un centro cultural, unha casa de cultura ou varias. Entón foi suplindo en boa medida iso de forma natural. Asociacións ou entidades sen recursos que necesitaban locais sociais achegáronse á Casa da Xuventude. E así funcionou sempre. Logo os rapaces que teñen iniciativas veñen aquí porque algunha pode saír. Se calquera iniciativa que teñamos non sae é por culpa nosa porque sempre atopamos axudas. Nós tivemos socios que hoxe son coñecidos e ostentan postos importantes na sociedade. Hai cousas que poden mellorar pero podemos presumir de estar ben. Iso que a Casa ten moitos anos e é manifestamente mellorable.
-¿Mellorable?
-A Casa é vella.
-¿Condiciona o traballo?
-Totalmente. A Casa tiña que ter outro tipo de actividades fixas. No 1992 tivemos 42 concertos de rock. Ese é un aspecto que é fundamental, a música. Pero houbo moitas denuncias. Supoño que tiñan razóns o que quere dicir que a Casa da Xuventude non reúne as condicións aínda que a zona é inmellorable.
-¿Que posibilidades hai de arranxo?
-Poucas. O que deberían facer os poderes públicos é outras casa da xuventude na capital. Ourense é unha cidade que pode ter tres casas da xuventude máis nos distintos barrios. Ó mellor non coma esta, pero que poidan contemplar o tema da música, por exemplo. ¿Como van a vir os xóvenes de Mariñamansa aquí? A xuventude necesítao. Esta pódese complementar con outras máis especializadas.
-¿Que momento cultural vive a capital ourensana?
-Eu nunca falei e non me gusta o da Atenas de Galicia. Ese é un cliché tonto dos que non saben que dicir. De Atenas cultural nada. Estase perdendo moito o asociacionismo, grupos que movían e facían opinión da cidade. As cidades deste tipo gañaron en equipamentos, e isto non pasou con Ourense que non ten un centro cultural, só ten salas de exposicións. Non hai unha gran casa da cultura, unha boa biblioteca que teña conferencias, charlas o que faga exposicións bibliográficas. Faltan equipamentos e presupostos. En Ourense os poderes públicos non adican nada á cultura e o que adica vaise en cousas peregrinas.
-¿A falta de asociacionismo é a clave da falta de interese?
-O problema de asociacionismo é un problema xeral. Hoxe é todo máis difícil e creo que empobrece a vidal cultural.
-¿Cre que a cultura ourensana vive un pouco de rendas?
-Si. Totalmente. Vive de rendas e de que á Xeración Nós lle chamaron Atenas de Galicia. Non se pode comparar con cidades como Santiago ou Vigo que son as que temos máis cerca. Non se trata de facer un auditorio senón de enchelo.