La Voz de Galicia

«Queremos incorporar viños doces e espumosos a Monterrei »

Ourense

Fina Ulloa presidente do consello regulador da denominación de orixe monterrei

O responsable do órgano reitor asegura que a modificación do regulamento abrirá novos mercados á denominación

08 Aug 2009. Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe as doce e media da mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, inaugura na praza Maior de Verín a Feira do Viño de Monterrei. Nesta cuarta edición a cita reúne a una ducia de adegueiros con 25 viños diferentes que os visitantes poderán degustar perante toda a fin de semana.

-Esta é a última feira antes da aplicación do novo regulamento ¿cómo a enfronta?

-Coa ilusión de que estamos nun punto de inflexión. Ampliamos as zonas amparadas e incluímos novas variedades, como a uva albariño, que permitirá mellorar aínda máis a complexidade dos nosos caldos. Tamén nos permitirá seguir con novas apostas como os viños de crianza e de reserva que abren moitas posibilidades e entrar en mercados que antes non podíamos.

-Pero quedaron fora os viños doces.

-De momento, pero foi máis que nada por non entrar nunha variación moi exhaustiva do regulamento. Non desistimos de incorporar os viños doces nin os espumosos. Nos primeiros está máis que documentada a tradición dos agricultores de gardar as uvas nos faiados para que se fixeran pasas e poder elaborar despois este tipo de viños, e o segundo é unha posibilidade na que hai que traballar.

-¿Está satisfeito coa participación de adegas?

-Son a metade das amparadas. Algunhas porque xa non teñen viño, e outras porque teñen ao persoal de vacacións, non foi posible contar con máis. Entendemos os motivos, pero agardamos que outro ano podan vir todas.

-¿Non se pode adiantar?

-Esta parece a data idónea. En marzo os viños aínda non están no mellor momento e había adegas que non tiñan posibilidade de chegar co seu produto nas condicións óptimas. O verán supón, ademais de que o viño está xa máis feito, que temos a un público potencial para dalos a coñecer moito maior, porque a comarca triplica a poboación nestas datas. Eles serán os nosos embaixadores nos seus lugares de orixe.

-¿Manterán a gratuidade dos postos para as adegas?

-Non cobrarlle aos adegueiros polos postos da feira supón un esforzo importante para o Consello que non sabemos si poderemos manter o ano próximo. Estamos nun momento complicado, pola crise que inflúe no recorte de axudas que temos. E o Consello Regulador ten o presuposto moi limitado, así que eses cartos que destinamos á feira imos a ter que destinalos a outras accións fundamentais tamén para divulgar os nosos caldos. De feito esta feira é posible, aparte da axudas da Deputación, o Inorde e a Xunta, principalmente pola implicación do Concello de Verín que asume a maior parte do presuposto. Por iso insistimos en que o resto dos concellos integrados na Denominación de Orixe, e aos que tributan as adegas ao longo do ano, deben tamén implicarse en apoiar este sector.


Comentar