«Visitar Ourense é como tomar unha menciña contra a dor que dura un tempo»
Ourense
20 Mar 2011. Actualizado a las 06:00 h.
O ourensán José Iglesias voltou nos anos setenta a España. A traxectoria familiar e profesional pasou primeiro por Bilbao (onde un grupo de alumnos pediron á Universidade de Deusto que o contratara como profesor de economía) e finalmente a Barcelona, onde sigue vivindo. Alí traballou durante 25 anos para a compañía química que hoxe se coñece como Sanofi-Aventis.
-¿Cal é a relación que mantén co seu Ourense natal?
-O meu cordón umbilical nin o puiden romper nin o quixen romper. Cando estaba no estranxeiro, en canto tiña un pouco de tempo para pensar, padecía un desgarro. O adulto tiña que sobrevivir e intentaba non deixar resquicio pero si quedaba un momento... entón aparecía o neno. E miraba sempre para Ourense. Este elemento foi permanente. A xente que non emigra nas condicións que eu emigrei igual non se dá conta desa ruptura. Igual non lle pasa a todos tampouco. Eu tiña moita ilusión posta en ser de aquí, en ser de Ourense. De todos os xeitos é curioso porque, por exemplo, algúns libros en galego linos por primeira vez en Inglaterra.
-¿Como encontra a cidade?
-A primeira vez voltei despois de 35 anos. A cidade viviu un cambio grande, un crecemento brutal que supuxo a aparición dunhas cousas e a desaparición doutras. Xa non atopas a ninguén coñecido. Polo tanto es só na cidade. Quedas ti só, cos teus pensamentos e os teus recordos.
-¿E superou xa ese desgarro ?
-As primeiras veces que viña marchaba destrozado. Ese desgarro vouno curando e volvo como sedado, máis tranquilo. Visitar Ourense é como tomar unha menciña, algo contra a dor que dura un tempo.
-¿Que fai cando ven a Ourense?
-Sempre visito a praza do Correxidor, onde vivín, e o cemiterio de San Francisco, para falar ca miña avoa.
-Ten outro lazo con Ourense. A Coral de Ruada.
-As veces que viña non era capaz de contactar en persoa, por timidez. Fíxeno por internet. Crecín sendo veciño da coral. E entrar na Coral de Ruada foi cumprir un soño.