La Voz de Galicia

Fallece o profesor Fidalgo Santamariña en Ourense

Ourense

Jesús manuel garcía ourense / la voz

Antropólogo e premio Otero Pedrayo, a súa delicada saúde obrigouno a deixar a presidencia do Ateneo o pasado verán

19 Dec 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Ourense acaba de perder a outra persoa importante da cultura galega. Acaba de irse José Antonio Fidalgo Santamariña (Sobrado dos Monxes, 1946), que foi un dos primeiros profesores do Colexio Universitario, e logo da Universidade de Vigo ata o curso pasado, no que se prexubilou. Fidalgo Santamariña foi un antropólogo namorado da súa terra, profesor de Antropoloxía Social na Facultade de Ciencias da Educación, e tamén impartiu materias en relación co Patrimonio Cultural. Fundou e dirixiu o Laboratorio Ourensán de Antropoloxía Social, e tamén foi director da UNED en Ourense e membro da comisión de antropoloxía do Consello da Cultura Galega.

Fidalgo coñecía ben Galicia. De mozo, doutorouse na Universidade Pontificia de Salamanca cunha tese sobre antropoloxía que lle reportou a máxima cualificación. Gañou con ela o premio Otero Pedrayo. Dese traballo saería logo o seu libro «Antropoloxía dunha parroquia rural galega». Daquela foron saíndo máis traballos como o titulado, «O afiador» e «Os saberes tradicionais dos galegos», sen esquecer os estudos sobre o pulpo e as pulpeiras.

Interesáballe o mundo do pulpo. «Eu interesareime polo primeiro camiño probable seguido desde o mar ao interior a traveso da comunidade do mosteiro de Oseira e a súa granxa en terras do Orcellón, actual Arcos e O Carballiño», dicía Fidalgo no 2009 e sinalaba como Arcos era, «un pobo estigmatizado», debido ao forte cheiro que deixaba naqueles tempos. 

No Ateneo foi por moitos anos vicepresidente con Anselmo López Morais, para ser logo presidente, ata a súa renuncia por razóns de saúde.

Nos últimos tempos andaba tramando nunha investigación sobre as xergas dos oficios, boa parte de cuxo material gardaba en caixas cheas de cartaces con folios a esgalla. Todo un patrimonio intelectual froito de anos de traballo e que, visto sobre a mesa, daba certa envexa sana. Colaborou no Boletín Auriense, foi Premio Vicente Risco, tanto disfrutaba estudando o pan como o mundo dos zapateiros, o do afiador sen esquecer as máscaras do entroido. Participou en traballos de estudo de concellos para a Xunta, co tamén profesor Limia Gardón ou noutros traballos colectivos.

Fidalgo sempre estaba preparado para falar. O freno eran as súas obrigas das clases. Fora deso, estaba accesible para entrar con el nun eido apaixonante da cultura como é o estudo do ser humano na súa terra, no seu ambiente. Meteu ao Ateneo nas novas tecnoloxías coa páxina web e procurou achegalo á Universidade. Pertencía ao Museo do Pobo Galego e anos atrás formou parte da tertulia de El Cortijo, con Xaquín Lourenzo,  Xocas. Unha das últimas teimas da súa vena antropolóxica foi a de establecer a festa do caldo en Sobrado dos Monxes, que xa é unha feliz realidade. A derradeira publicación súa atópase inda no prelo da Deputación, como obra definitiva.


Comentar