La Voz de Galicia

O IES A Carballeira leva desde onte o nome do profesor Marcos Valcárcel

Ourense

JESÚS MANUEL GARCÍA ourense / la voz Conselleiro de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura e Educación homenaxea así ao historiador ourensán

19 May 2012. Actualizado a las 07:05 h.

Desde onte o IES A Carballeira ten novo nome. En adiante chamarase oficialmente IES A Carballeira Marcos Valcárcel. A Consellería de Cultura e Educación promoveu unha homenaxe ao profesor e historiador ourensán, recentemente desaparecido. Valcárcel foi profesor neste centro durante os últimos 25 anos da súa vida. A Xunta pensou nesta figura como tammén fixo á Deputación, que ten previsto dedicar o nome de Marcos Valcárcel ao seu centro cultural, o popular edificio Simeón.

No acto celebrado onte no instituto, o conselleiro Jesús Vázquez salientou que a biblioteca do centro xa leva o nome do devandito historiador, que era un especialista na Xeración Nós, colaborador de xornais, escritor, cronista e dinamizador cultural na vella Auria, nome da cidade que tanto lle gustaba. Marcos Valcárcel finou en Ourense en decembro do ano 2010 cando só tiña 52 anos de idade e andaba metido en novos proxectos despois de presentar a breve Historia de Ourense, que lle editou Xerais.

Era membro correspondente da Real Academia Galega. Vázquez subliñou que o homenaxeado asistira á inauguración da biblioteca do instituto reflectindo aquel acto no seu blog co artigo A Carballeira e os irmáns Marx, onde escribiu cousas como esta: «Nos últimos anos recibín varias homenaxes como a Medalla Castelao ou o Premio Otero Pedrayo. Para min este recoñecemento de hoxe, que une o meu nome ós libros, éncheme do mesmo orgullo e gratitude».

No acto do venres quedou clara a vocación docente de Valcárcel. Así o conselleiro recordou que escoitalo falar era xa unha clase, fose na aula, falando tranquilamente con el ou debatendo, onde Marcos Valcárcel amosaba nos seus ollos o gusto e pracer de falar de historia e de cultura galegas.

O blog do mestre, titulado As uvas na Solaina, levou o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. A Xunta déralle a Medalla Castelao no 2009; un ano antes recibira o Premio Otero Pedrayo que dan as catro deputacións de Galicia. No 2009 tamén lle entregaron o Premio Viz da Liberdade, que concede o Pen Club de Galicia.

Asistentes

Na Carballeira estiveron, aparte do conselleiro, o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, o delegado provincial da Xunta, Rogelio Martínez; a xefa territorial de Cultura e Educación, Mercedes Gallego; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e a viúva de Marcos Valcárcel, María Xosé Picouto. Despois do acto formal no salón de actos do instituto, quedou descuberta unha placa na fachada principal, onde se pode ler: «IES A Carballeira Marcos Valcárcel».

O salón de actos estaba cheo de espectadores, membros da comunidade educativa e outros convidados. Non faltou a emotividade nesta lembranza do profesor que xa non está pero do que queda un bo recordo que quizás desde agora será máis quizás grazas á denominación pública do centro no que tantas horas pasou impartido coñecementos.

«Marcos foi a meirande parte da súa vida profesor no máis amplo sentido da palabra»

Jesús Vázquez Abad


Comentar