Esperpento con escritor de fondo
Ourense
As xestións para crear a agardada Fundación Blanco Amor fan agromar algunhas das diferenzas e situacións que alongaron a merecida homenaxe
19 Sep 2014. Actualizado a las 07:15 h.
A Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897 - Vigo, 1979) a vida non lle resultou doada. Como se ten lembrado en máis dunha ocasión nas homenaxes anuais que se lle fan no cemiterio de San Francisco dende hai un tempo, a súa condición de comunista, de homosexual e de escritor en galego non axudaron a que acadase en vida o recoñecemento que tería de seu se outra fose a súa orixe e a sociedade na que se insería a súa obra.
últimos anos
Luces e sombras. Nun congreso celebrado hai anos na cidade quedou debuxado un perfil do autor de A Esmorga que o movía entre a ledicia de ter volto a Ourense na última etapa da súa vida e o desengano de non conseguir un recoñecemento acorde co que xa tiña gozado nas súas estadías en Uruguai e Arxentina na súa condición de escritor e xornalista. Tamén, todo hai que dicilo, foron anos dalgúns desencontros e estreitezas. E tamén de grandes ilusións nunha nova etapa política que se albiscaba, mais tardaba en chegar.
biblioteca
Demanda a Victorino Núñez. Os seus amigos e a xente coa que compartía algunhas das inquedanzas dos últimos tempos asinaron un escrito, datado no 10 de setembro de 1980, no que lle pedían á Deputación de Ourense que mercase a biblioteca e a documentación que Eduardo Blanco Amor deixara no momento do seu pasamento. Nomes como os de Nemesio Barxa, María do Carmo Henríquez Salido, Emilio Fonseca, Xosé Aurelio Carracedo, Javier Suances, Xosé Henrique Rodríguez Peña, Manuel Peña Rey, José Platero, Iago Seara, José Luis López Iglesias, Alfredo Vara, Arturo Baltar, Víctor Campio Pereira ou Norberto Tabarés, entre outros, asinaban o documento dirixido a Victorino Núñez, daquela presidente da institución provincial. A iniciativa resolveuse con éxito e a Deputación é dende hai anos a propietaria da biblioteca e do legado do creador de Os biosbardos.
reivindicacións
Do instituto ás publicacións. Auria e os seus cidadáns nunca esqueceron ao autor que a fixo literatura. Os profesores do instituto de A Ponte loitaron para que o centro levase o nome que o identifica dende hai anos, varios estudos e publicacións recuperaron a súa figura e a súa obra e certames como o Outono Fotográfico, que apostou por tirar do esquecemento o gran traballo de Blanco Amor como fotógrafo, ou editoriais como Linteo asinaron propostas neste senso. No caso desta última, da man do editor Manuel Ramos, a obra O fillo da florista resumía o universo blancoamoriano con 34 retratos, e outras tantas colaboracións asinadas por amigos seus.
institucional
Protagonista das Letras Galegas de 1993. O escritor e xornalista converteuse no protagonista do Día das Letras Galegas do ano 1993. Unha circunstancia, ser o creador ao que se lle adica o 17 de Maio, que sempre axuda a espallar a obra e o traballo dun autor por canto se promoven investigacións, edicións de inéditos, revisións e actualizacións da obra do homenaxeado.
iniciativas
Do Alexandre Bóveda ao premio. Na cidade o desaparecido club cultural Alexandre Bóveda foi impulsor de varias iniciativas sobre Blanco Amor. E aínda que con problemas nos últimos anos, mantense o premio de novela que leva o seu nome como un dos máis prestixiosos do panorama literario galego.
cita anual
PEN Galicia. Da man do PEN Galicia chegou a ofrenda anual ante a campa de Blanco Amor, coincidindo coa data do seu pasamento. Un proxecto que foi sumando novas propostas ao contar co apoio da Deputación, Concello e Consellería de Cultura: a escultura de Xosé Cid instalada na Alameda, a edición de A Esmorga para os escolares da provincia, a versión en inglés da mesma obra ou a publicación dos poemas de amor que estaban gardados entre o material da súa biblioteca, entre outras propostas. Nesa liña de colaboración -neste caso entre o PEN Galicia, a Deputación e a Xunta- celebrouse a Festa da Palabra adicada a EBA e creouse o grupo escultórico que o lembra na Insua dos Poetas. A obra é de Acisclo Manzano e Acisclo Novo.
ano blaNCO AMOR
Do acordo do Parlamento á película. Unha decisión unánime do Parlamento de Galicia declarou o 2014 como o Ano Blanco Amor, ao cumprirse o 35 aniversario do seu pasamento. Entre as iniciativas da celebración figura a estrea da película de Ignacio Vilar, a versión galega de A Esmorga.
fundación
Cuestión de protocolo. A Deputación convocaba para o pasado domingo a xuntanza para iniciar o proceso de creación da Fundación Eduardo Blanco Amor. O Concello non acudiu, alegando que non foran citados. O asesor cultural da Deputación falou telefónicamente coa secretaria do alcalde, aínda que dende o edificio da Praza Maior poñen a orixe da decisión nunha cuestión «de formas» e de protocolo institucional.
o reto
Integración. A Deputación xa remitiu o borrador dos estatutos ao Concello para que aporte as súas suxerencias. Queda agora pendente a integración dos que foron amigos e compañeiros de Blanco Amor nos seus últimos anos na cidade -algúns están- para dar novas visións e enriquecer o proxecto da fundación. O reto pasa por ver se a foto de Blanco Amor queda fixada para sempre como escritor e xornalista ou se, como reivindican algúns, positivamos os negativos que gardan a memoria do compromiso político, ecoloxista e cidadán de EBA.